2 octubre, 2024
A Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela está a celebrar a segunda edición do Outono Biofest, unha iniciativa que busca achegar á comunidade universitaria e ao público en xeral o labor de investigación que se leva a cabo no propio centro e no CIBUS (Centro de Investigacións Biolóxicas e Bioquímicas).
Durante esta semana, ata o 4 de outubro, os corredores da facultade transformaranse en espazos de divulgación científica onde se poderán atopar exhibicións de pósteres de congreso elaborados polos grupos de investigación, así como mesas redondas e charlas divulgativas. Entre as actividades máis destacadas figuran as visitas guiadas aos laboratorios dos grupos de investigación, onde os asistentes poderán coñecer de primeira man os proxectos nos que traballan.
Ademais, a Comisión de Normalización Lingüística organiza un café-coloquio con novas investigadoras, no que se abordarán temas de interese científico e profesional para as novas xeracións. A programación tamén inclúe actuacións musicais e exposicións organizadas por diversas asociacións, como COBGA, BIOGA, INVESTIGAL e GALBIOTEC, que participarán no corredor da facultade.
O Outono Biofest conta cun financiamento específico a través dunha axuda para actividades de dinamización sociocultural e cultural nos centros da USC, e pódese seguir a través das redes sociais, como as contas de Instagram da Facultade de Bioloxía e da súa biblioteca.