1 julio, 2024
Go!Go!Zo! leva a súa cuarta edición á rúa. «Este ano quixemos traspasar as fronteiras do Monte do Gozo e levar a música a pé de albergue. Ademais, incorporamos máis xornadas deportivas ao noso programa», explican desde a organización. A programación deste ano estenderase ata o 22 de setembro e conta con variadas propostas para todos os públicos.
«No noso ADN levamos o pulo ás bandas noveis de Galicia, dándolles a oportunidade de protagonizar concertos ante diverso público. Por iso, organizamos a xira Go!Go!Zo! no Camiño, con tres concertos de combos musicais en tres albergues do Camiño Francés. Con esta iniciativa, pretendemos enriquecer aínda máis a experiencia da peregrinación a Compostela», detallan desde a organización.
O Go!Go!Zo! no Camiño desenvolverase nas localidades de Melide, Ribadiso e Sarria os xoves 4, 11 e 18 de xullo, respectivamente. «Esta proposta supón unha gran oportunidade para que as bandas noveis que saen das academias de música poidan amosar o seu talento ante un variado público. Interpretarán grandes éxitos do rock e outros temas, propios ou versionados, en lingua galega», engaden.
Na xornada do xoves 4, actuarán no Albergue San Antón de Melide as bandas Electrodoss e Shower Hell. O 11 de xullo, o albergue Los Caminantes de Ribadiso (Arzúa) acollerá un concerto de Q.D.L. O ciclo finalizará o 18 de xullo no Glamping & Camping Vila de Sarria con Rocke Experience e ParaZmol. Os concertos celebraranse en horario de 19.00 a 21.00 horas.
Esta iniciativa encádrase dentro do programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística, Novas Músicas en Galego, que pretende dar pulo ao talento novel da comunidade autónoma. Ademais das propostas a pé de albergue, cómpre salientar tamén a macroactuación que porá o broche ao festival o 22 de setembro, onde centos de amantes da música interpretarán versións en galego de temas como «Salvaxe» (Born to Be Wild, de Steppenwolf), «Resistir» (Holiday, de Green Day) ou «Believer», de Imagine Dragons.
Unha das novidades da cuarta edición do festival é a firme aposta polo deporte. A fin de semana do 7 e 8 de setembro, a Federación Galega de Baloncesto (FEGABA) celebrará o campionato Go!Go!Zo! Basket 3×3, que congregará á mocidade amante desta disciplina. Contará co speaker do Obradoiro CAB, que porá a voz e a música a un torneo que se complementará con outras actuacións e sorpresas. As inscricións, de balde, xa se poden formalizar a través da web da entidade www.fegaba.com.
A estas xornadas deportivas súmanse as xa tradicionais masterclasses de zumba. De feito, o pasado sábado celebrouse unha xornada na que participaron ata 8 monitores e monitoras desta disciplina. Esta tarde de lecer e deporte incluíu tamén unha exhibición do alumnado da Escola Pasito de Baile.
Tras a boa acollida da pasada edición, Go!Go!Zo! retoma o ciclo Ritmos no Camiño cun total de sesións de picadiscos durante os sábados de agosto e setembro. «As persoas que se aloxen no albergue do Monte do Gozo terán a oportunidade de escoitar música de países como Estados Unidos, Alemaña, Italia, ou Portugal, que se atopan entre os principais puntos de onde proceden os camiñantes estranxeiros», concretan desde a organización.
Os picadiscos, sinal de identidade do festival, continuarán tamén durante todo o verán, especialmente nas fins de semana. Durante as dúas fins de semana de xuño, Go!Go!Zo! acolleu varias sesións de DJ Pop Voyage, que ofreceu veladas temáticas con músicas dos 80 e 90 e outras con ritmos máis variados.
As nenas e nenos seguirán contando cun espazo propio dentro de Go!Go!Zo! coa sección de Catividades, que ofrecerá os mércores de xullo, agosto e principios de setembro tardes de lecer nas que non faltará un inchable acuático. Estas propostas, cuxa celebración estará suxeita ás condicións meteorolóxicas, son de balde e están abertas a menores de entre 3 e 12 anos.
Para as crianzas, o Revenidas Miúdo regresará ao Monte do Gozo con máis forza, ofrecendo unha completa xornada de lecer para toda a familia o domingo 28 de xullo. O programa concreto deste día desvelarase en breve.
Finalmente, a solidariedade seguirá presente en Go!Go!Zo! coa xornada do 15 de setembro, que nesta ocasión se centrará en Aldeas Infantiles SOS Galicia, organización que desenvolve o seu labor no seu centro de acollida en Redondela.