27 abril, 2024
Compostela continúa dando pasos cara á creación dunha nova empresa de vivenda de titularidade municipal coa constitución da Comisión especial encargada de poñer en marcha este proxecto, nunha sesión celebrada no Pazo de Raxoi. Esta entidade mercantil, cun capital totalmente municipal, busca mellorar as condicións de acceso á vivenda e promover a rehabilitación e recuperación do patrimonio inmobiliario de Santiago de Compostela.
Nesta súa primeira reunión, a Comisión especial foi presidida pola alcaldesa e contou coa participación de representantes dos grupos municipais Iago Lestegás (BNG), María Rozas (CA), José Antonio Constenla (PP) e Mercedes Rosón (PSdeG-PSOE), así como do persoal técnico de Secretaría, Urbanismo e Obras, Xestión de Planeamento, Asesoría Xurídica, Oficina Orzamentaria e Intervención Xeral.
A creación desta Comisión supón o primeiro paso para establecer unha empresa pública que sexa «un instrumento fundamental para unha política eficaz en materia de vivenda», conforme ao acordo do Pleno da Corporación na sesión do 25 de novembro de 2021. A rexedora compostelá, Goretti Sanmartín, destacou que o obxectivo primordial é «a rehabilitación e recuperación do parque inmobiliario para crear un parque de vivendas de titularidade municipal en réxime de alugueiro que mellore as condicións de acceso á vivenda e preserve o patrimonio edificado».
A devandita empresa desenvolverá accións no ámbito da promoción, posesión, xestión e administración do solo, da vivenda e dos equipamentos públicos nun marco urbano que aposte pola recuperación e reutilización do parque residencial existente, guiándose polos principios de sostibilidade, racionalidade, eficiencia, eficacia, calidade e equidade. Uns principios que «están plenamente integrados na Axenda 2030, aprobada por esta Corporación», según afirmou Sanmartín.