O Concello vén de presentar a última actividade programada ao abeiro dos Orzamentos Participativos de Mocidade deste ano. Trátase da “Copa Dobre Xogo”, un torneo que combina Fútbol 5 e futbolín e que se desenvolverá os días 22 e 23 de novembro en colaboración co Centro Xuvenil Don Bosco. A concelleira de Xuventude, María Rozas, deu a coñecer hoxe os detalles da iniciativa nunha rolda de prensa.
A actividade xorde da segunda proposta máis votada no proceso participativo municipal, e conta cun formato pensado para favorecer a convivencia e o entretemento máis aló da competición puramente deportiva. O torneo de Fútbol 5 disputarase en categorías feminina e masculina, aberto a mozos e mozas de entre 16 e 30 anos. Cada equipo deberá estar integrado por entre 8 e 12 participantes. As inscricións permanecerán abertas ata o 17 de novembro.
No caso do futbolín, a competición será por parellas, que poderán ser masculinas, femininas ou mixtas, mantendo tamén o tramo de idade dos 16 aos 30 anos. En ambos torneos repartiránse agasallos consistentes en cheques regalo para material e experiencias deportivas.
Durante a presentación, Alberto Escudero, representante do Centro Xuvenil Don Bosco, destacou o carácter lúdico da proposta, asegurando que a intención “non é organizar un torneo competitivo, senón un evento no que o deporte comparta protagonismo cun espazo de descanso, música e actividades paralelas”.
As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición a través do enlace: https://cxdonbosco.org/2025/10/30/copa-dobre-xogo/
Balance dun ano de participación xuvenil
Con esta iniciativa, o departamento municipal de Mocidade pon o punto final ao ciclo de actividades financiadas cos Orzamentos Participativos de 2025, un proceso co que a mocidade da cidade decidiu o destino de 100.000 euros do orzamento municipal.
Segundo explicou Rozas, ao longo do ano desenvolvéronse propostas que amosan “a diversidade de intereses da mocidade”, entre as que citou actividades musicais, cinema ao aire libre, cursos de primeiros auxilios ou eventos vinculados á cultura urbana.
A tenenta de alcaldesa lembrou ademais que, xunto coa “Copa Dobre Xogo”, queda aínda por celebrarse o Ecos Fest, un festival de curtametraxes e música que terá lugar no Centro Xove do 20 ao 22 de novembro, clausurando así oficialmente a programación participativa deste exercicio.




