11 septiembre, 2024
A Concellaría de Xuventude de Santiago únese á benvida aos novos estudantes da Universidade de Santiago de Compostela (USC), proporcionando información sobre os recursos dispoñibles na cidade para facilitar a súa adaptación e estadía. Toda esta información estará recollida nun novo apartado da web municipal, ao que se pode acceder a través dun código QR incluído nun folleto informativo que se distribuirá durante as Xornadas de Benvida da USC, do 16 ao 26 de setembro.
Este folleto, que se repartirá entre o estudantado participante nas actividades de benvida, ofrece información clave sobre servizos municipais e recursos doutras administracións e entidades privadas. O obxectivo é que os novos universitarios e universitarias poidan coñecer mellor a cidade e aproveitar ao máximo a súa experiencia en Compostela.
Na páxina web municipal poderán atopar información sobre o transporte público, bibliotecas, servizos sanitarios e outros recursos específicos para a mocidade, como o Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga. Tamén inclúe detalles sobre os equipamentos culturais e deportivos dispoñibles, así como os servizos de Igualdade e Emprego. Todos os apartados están acompañados dos enlaces necesarios para facilitar o acceso directo a estes servizos.