7 junio, 2024
O Centro de Estudos Avanzados da USC acolleu esta semana o encontro ‘Data Science in Fundamental Physics and the bridge to industry & society’, organizado polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, un evento no que máis dun cento de persoas descubriron como a ciencia de datos, unha disciplina en pleno crecemento, ofrece unha ampla variedade de solucións para a sociedade en múltiples aplicacións diarias.
O encontro comezou o luns pasado coa escola ‘Data Science in Fundamental Physics’, na que máis de 60 estudantes -principalmente de mestrado e doutoramento en Física, Matemáticas ou Enxeñaría Informática- aprenderon claves sobre probabilidade, estatística e aprendizaxe automática da man dos docentes Glen Cowan, da Universidade de Londres, e Pietro Vischia, da Universidade de Oviedo.
A continuación, celebrouse un simposio no que participaron representantes de 20 empresas e institucións que empregan a ciencia de datos no seu traballo diario, desde perspectivas e aplicacións diversas. O vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da USC, Gumersindo Feijoo, abriu o evento, acompañado polo secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Consellería de Economía e Industria, Nicolás Vázquez, o director do IGFAE, Carlos Salgado, e o presidente do Comité Organizador, Lorenzo Cazón.
Durante as dúas xornadas do simposio, os poñentes explicaron como o manexo de grandes cantidades de información contribúe a mellorar servizos en áreas como a predición meteorolóxica, industria naval e téxtil, loxística, sanidade, investigación xenómica, contaminación atmosférica, aprendizaxe automática, agricultura e gandería.
Por outra banda, este encontro serviu tamén como espazo de encontro entre a academia e a industria, respondendo á crecente demanda de alumnado e persoal investigador de disciplinas STEM para empregos relacionados coa ciencia de datos. Ademais, fomentáronse pontes de colaboración co mundo empresarial, co obxectivo de explorar proxectos conxuntos e outras oportunidades de financiamento.