1 diciembre, 2025
A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela presenta o programa da I Xornada Avances na biografía de Rosalía de Castro, que se celebrará o vindeiro 11 de decembro na Facultade de Filoloxía. A iniciativa reunirá especialistas de referencia no campo dos estudos rosalianos para compartir novas perspectivas biográficas, algunhas delas inéditas, que permitirán seguir ampliando o coñecemento sobre a vida e o contexto cultural da escritora.
A xornada será inaugurada ás 9:30 h polo vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo Costa, e polo decano da Facultade de Filoloxía, Elias Jose Feijo Torres, acompañados polas persoas responsables da coordinación da Cátedra, Fernando Cabo Aseguinolaza e María do Cebreiro Rábade.
O que aínda nos falta por descubrir sobre Rosalía
O primeiro eixo da xornada estará dedicado aos avances nos estudos biográficos. As intervencións achegarán información relevante sobre cuestións pouco exploradas da vida de Rosalía en Madrid, o seu papel como anfitrioa literaria.
Na sesión da mañá Luis Miguel Fernández abrirá o panel co relatorio Rosalía e os Lugin Castro en Madrid. 1856-1858, no que presentará novos datos sobre unha etapa fundamental da vida da escritora; Xurxo Martínez afondará na historia do mausoleo de Rosalía, e Miguel Anxo Seixas analizará o perfil da autora como anfitrioa nunha presentación que mesmo inclúe algunha curiosidade sobre receitarios de época.
Claves do arquivo rosaliano de María Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda
A sesión de tarde, que comezará ás 16:00 h, estará integramente dedicada ao Arquivo rosaliano de María Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, custodiado pola Biblioteca da USC tras a doazón formalizada en 2024 por Xesús Alonso Montero, viúvo da investigadora.
Este fondo, composto por preto de 500 volumes, cadernos de investigación, materiais inéditos e documentos transcendentais para descifrar a historia vital de Rosalía —entre eles, edicións valiosas, apuntamentos de arquivo ou referencias ao desaparecido artigo da escritora, El codio—, constitúe un dos recursos documentais máis relevantes para a investigación rosaliana das últimas décadas.
O profesor Xesús Alonso Montero, presentado pola profesora Dolores Vilavedra, ofrecerá a conferencia Informe bibliográfico sobre o Arquivo rosaliano de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, na que achegará valiosas orientacións e claves de lectura para futuros estudos baseados neste legado. A Ruiz de Ojeda debémoslle o esclarecemento de aspectos cruciais para a biografía de Rosalía como a relación coa súa nai, a súa vocación de actriz ou o testamento de José Martínez Viojo, pai biolóxico da escritora, que permitiu confirmar con rigor a filiación da autora e alumeou aspectos esenciais do seu contexto familiar, económico e social.
Esta xornada insírese na liña de traballo iniciada o pasado mes de abril co I Simposio Vida, biografías, bioficcións de Rosalía de Castro. A Cátedra mantén o compromiso de desenvolver de maneira bianual temas estratéxicos arredor da figura e da obra de Rosalía, prioritariamente aqueles relacionados coa súa biografía e cos avances documentais recentes.