8 octubre, 2025
A Casa Xohana Torres mantén neste mes de outubro unha intensa programación cultural e social que aposta pola diversidade, a participación e a reflexión colectiva. O espazo compostelán, convertido xa nun referente en igualdade, coidados e feminismo, ofrece unha ampla variedade de propostas que van desde obradoiros artísticos ata encontros formativos e conversas arredor da saúde, as tecnoloxías, o ecofeminismo e as novas masculinidades.
En total, son sete as actividades gratuítas que se desenvolverán ao longo do mes, todas con inscrición previa, e que convidan a pensar, crear e compartir en comunidade. A programación inclúe temáticas tan variadas como a memoria, a educación menstrual, o coidado do solo pelviano, a vivencia da menopausa ou o autocoñecemento persoal, sempre desde unha perspectiva feminista e interseccional.
Ademais das propostas impulsadas pola propia Casa, o calendario complétase con iniciativas organizadas por entidades e colectivos colaboradores, reforzando así o carácter comunitario, aberto e plural que define á Casa Xohana Torres.
A programación arrancou o pasado martes 7 de outubro coa nova edición do obradoiro artístico “Bordando o pasado”, facilitado por María Arufe, unha proposta que combina memoria e creación a través do bordado e da reinterpretación visual de fotografías antigas. O éxito de participación, tras esgotarse as prazas, confirma o interese da veciñanza por espazos que conectan a arte co recordo e a identidade.
O xoves 9 será a quenda do obradoiro “Ecofeminismo no cotián”, conducido pola traballadora social Marta Pernas, que afondará na relación entre corpo, territorio e coidados a través da metáfora do micelio.
Tamén haberá espazo para a educación e a saúde. O martes 14, Bárbara Pernas, integrante de CromosomosX, facilitará unha sesión sobre educación menstrual como dereito da infancia e da mocidade, dirixida a familias e profesorado. Pola súa parte, a fisioterapeuta Almu F. Larrañaga impartirá o martes 21 unha charla práctica sobre o coidado do solo pelviano e a súa relevancia para a saúde e a calidade de vida.
O investigador Pablo Soto-Casás ofrecerá o mércores 15 unha conversa sobre redes sociais, algoritmos e masculinidades, mentres que María Torre liderará o mércores 22 o obradoiro “Menopausa desfrutona”, unha proposta que pretende resignificar esta etapa vital como tempo de descuberta, pracer e autocoidado.
A programación pecharase o martes 28 cun encontro facilitado por Lucía Álvarez, psicóloga do Servizo de asesoramento LGBTIQ+ da Casa Xohana Torres, titulado “E ti… Como te relacionas contigo?”. A sesión convidará á reflexión sobre o autocoñecemento, a aceptación e o autoamor como camiños para establecer vínculos máis sanos e de bo trato.
As actividades son de balde e as prazas son limitadas, polo que é necesario inscribirse previamente a través do formulario habilitado para tal fin.