12 septiembre, 2024
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, visitou hoxe o establecemento «Cousas do Campo», que é o protagonista da campaña 12 comercios, 12 sensibilidades durante o mes de setembro. Este negocio, situado na Praza de Abastos, destaca por promover o mercado labrego semanal Daquí darredor e por resaltar a importancia dos produtos frescos e de proximidade.
Ao longo do mes, «Cousas do Campo» organizou diversas actividades, como degustacións de marmeladas, zumes e galletas elaboradas con produtos locais dispoñibles no mercado Daquí darredor, celebrado en Brión. O obxectivo destas iniciativas é que os consumidores coñezan de primeira man como se producen os alimentos que consomen, reforzando a conexión entre o campo e o consumidor.
A campaña 12 comercios, 12 sensibilidades, impulsada por un grupo de mulleres comerciantes da cidade en colaboración coa concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, busca tecer redes entre o comercio local e diversas causas sociais. Cada mes, un establecemento promove unha causa solidaria, contando co apoio das outras tendas participantes.
María Rozas expresou a súa satisfacción polo desenvolvemento desta iniciativa, destacando tanto o seu contido social como a importancia de seguir promovendo o comercio de proximidade en Santiago.