7 octubre, 2025
O VII Festival Ateneo Barroco abre a súa programación este mércores, 8 de outubro, ás 20.00 horas no Teatro Principal de Santiago, cun concerto a cargo da Camerata Boccherini, que interpretará o programa titulado «Sonata e Triosonata. Mestres do Barroco tardío». O trío formado por Paolo Grazzi (óboe barroco), Massimo Spadano (violín) e Roberta Bucco (clave) dará vida a unha exquisita selección de obras de Antonio Vivaldi, Georg Friedrich Haendel, Georg Philipp Telemann, Joseph Nicolas Pancrace Royer e dos irmáns Joan Baptista e Josep Pla, exemplos sobranceiros do esplendor instrumental europeo do século XVIII.
O recital propón unha viaxe polo xénero da Sonata e da Triosonata, dúas das formas máis refinadas da música de cámara barroca. Nacidas en Italia e difundidas por toda Europa a finais do XVII, estas composicións para solista ou dous solistas con baixo continuo serviron como campo de exploración e virtuosismo para músicos e compositores da época. A Camerata Boccherini presenta un programa que amosa a variedade de estilos e emocións desta forma musical, dende o lirismo veneciano de Vivaldi ata a elegancia xermana de Haendel e Telemann, culminando cunha brillante peza dos irmáns Pla, que representa o diálogo entre Italia, Alemaña e Cataluña no Barroco musical.
Fundada en Galicia hai dúas décadas polo violinista Massimo Spadano, concertino da Orquestra Sinfónica de Galicia, a Camerata Boccherini consolidouse como unha das formacións máis prestixiosas no ámbito da interpretación historicista. O concerto contará coa presenza destacada do oboísta Paolo Grazzi, cofundador do prestixioso Ensemble Zefiro e recoñecido mestre do óboe barroco, e da clavecinista Roberta Bucco, intérprete italiana de sólida traxectoria internacional.