10 septiembre, 2024
A Biblioteca Municipal José Saramago, pertencente á Rede de Centros Socioculturais (CSC) de Santiago de Compostela, pon en marcha o curso 2024-2025 cunha ampla programación de actividades, destinadas a fomentar a lectura tanto no público infantil como no adulto. As actividades levaranse a cabo, principalmente, nas aulas de lectura dos Centros Socioculturais de Vite, As Fontiñas, Conxo e Santa Marta, e terán como principal obxectivo continuar aumentando o número de persoas lectoras en Santiago, facendo da literatura un espazo de encontro para a veciñanza.
Na presentación do novo curso, o concelleiro de Centros Socioculturais, Xan Duro, destacou que a programación busca “seguir fomentando o amor pola lectura, consolidando o proxecto de Santiago como unha cidade lectora”. Para iso, continúa a aposta polos clubs de lectura e de escrita creativa, así como por iniciativas que xa foron un éxito en anos anteriores, como o programa «12 meses, 12 libros», ou as actividades paralelas, como roteiros culturais e eventos vinculados a celebracións literarias.
Xan Duro estivo acompañado na rolda de prensa pola técnica responsable da programación da biblioteca, Guadalupe Rodríguez, quen lembrou a importancia que ten este espazo na vida cultural da cidade. Rodríguez sinalou que este ano a Biblioteca Municipal José Saramago celebrou o seu 25 aniversario, “demostrando que goza de moi boa saúde, con máis de 60.000 exemplares catalogados e máis de 6.000 usuarios e usuarias rexistrados”. Tamén destacou que a biblioteca conta cun total de 13 clubs de lectura activos e cun programa anual de actividades que busca atraer a públicos de todas as idades.
12 MESES 12 LIBROS
Un dos programas máis destacados que regresa neste novo curso é «12 meses, 12 libros», que chega á súa quinta edición. Esta actividade, que se desenvolve ao longo de todo o ano, propón aos lectores e lectoras o reto de selar un pasaporte literario cos libros que retiren das bibliotecas da rede, seguindo as temáticas establecidas para cada mes. Esta dinámica pretende fomentar a curiosidade e a constancia na lectura, incentivando aos participantes a explorar novas temáticas literarias. Preto de cen persoas, tanto nenos como adultos, participaron na anterior edición deste reto, que se consolida como unha das actividades máis populares da biblioteca.
CLUBS DE LECTURA E ESCRITURA CREATIVA
Outro dos piares fundamentais da programación da Biblioteca José Saramago son os seus clubs de lectura. Actualmente, existen 13 clubs de lectura activos, destinados tanto ao público infantil como ao adulto, e distribúense por varios centros socioculturais da cidade: Vite, Fontiñas, Conxo, Santa Marta, O Ensanche e Maruxa e Coralia, na zona histórica. Estes clubs reúnense de forma semanal ou quincenal, proporcionando un espazo para o intercambio de ideas e a discusión de libros en grupo, creando unha comunidade de lectores que comparten o seu amor pola lectura.
Ademais dos clubs de lectura, a biblioteca ofrece obradoiros de escrita creativa, que teñen lugar nos CSCs de Fontiñas, Santa Marta, Conxo e Maruxa e Coralia. Estes obradoiros están deseñados para fomentar a creatividade dos participantes, ofrecéndolles un espazo no que poidan desenvolver as súas habilidades narrativas e experimentar coa escritura en diferentes formatos e xéneros. Tanto os clubs de lectura como os obradoiros de escrita creativa ofrecen un enfoque participativo e inclusivo, aberto a todas as persoas que queiran unirse.
Entre as actividades infantís máis destacadas, atopamos propostas como o «Club das mentes pensantes» ou «Os misterios de Vite», que se desenvolverán no CSC de Vite. Pola súa parte, no CSC de Conxo realizaranse actividades innovadoras de animación á lectura, como «Que sesera se xera», que inclúe debates e scape rooms, e a proposta «Vive a aventura», pensada para os máis pequenos da casa.
OUTRAS ACTIVIDADES
Ao longo do curso, a Biblioteca Municipal José Saramago tamén organiza unha serie de actividades paralelas que buscan enriquecer a experiencia lectora dos seus usuarios e usuarias. Moitas destas actividades están vinculadas á conmemoración de datas e efemérides literarias importantes, como o Día de Rosalía, o Día Internacional das Mulleres, o Día do Libro ou o Día das Letras Galegas. Durante estas celebracións, os Centros Socioculturais organizan charlas, exposicións, roteiros literarios, visitas guiadas, soltas de libros e outras iniciativas destinadas a achegar a literatura á cidadanía.
Estas actividades teñen un carácter festivo e cultural, e adoitan incluír tamén agasallos para os participantes, ademais de crear espazos de encontro nos que as persoas usuarias poidan compartir as súas experiencias lectoras e coñecer novas obras e autores.
A través destas iniciativas, a Biblioteca José Saramago reafirma o seu compromiso coa promoción da lectura e coa creación de espazos de participación cultural que teñen un impacto directo na vida social e cultural de Santiago de Compostela. Coa súa ampla oferta de actividades, a biblioteca continúa sendo un referente para os amantes da lectura na cidade, ofrecendo oportunidades tanto para o descubrimento de novas lecturas como para o desenvolvemento das capacidades creativas dos seus usuarios.