Xoaquín Monteagudo Romero, presidente da asociación de funcionarios para a normalización lingüística
6 mayo, 2024
O Presidente da Asociación de Funcionarios para a normalización lingüística de Galicia, Xoaquín Monteagudo Romero remitiu un comunicado o día 2 de maio á concelleira de Festas do concello de Santiago de Compostela, Pilar Lueiro García, en relación a actuación contratada polo concello de Santiago da orquesta «Panorama» na Praza do Obradoiro nas festas da Ascensión e que segundo estes profesionais merecen unha reflexión.
O Obradoiro é un espazo urbano con lingua de seu que os que acuden a el saben que deben entender para comprenderen a cultura galega. Ese ámbito tan de noso con proxección internacional define a personalidade do pobo galego. Calquera representación nel debe incardinarse na esencia mesma da nosa cultura; desaproveitar ocasións como a celebración dun evento musical en praza tan emblemática sería descontextualizala da cultura galega.
A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística convocou en Raxoi en tempo do alcalde Xerardo Estévez a unha numerosa representación de rexedores municipais para asinaren a “Declaración das Mil Festas máis para a Lingua Galega”. En dito texto especificábanse as medidas que deberían incluírse nos programas festivos. Unha deles referíase ao papel da música como medio de transmisión oral da nosa lingua. Porque de todos é sabido que nas actuacións musicais a lingua empregada é determinante para o futuro do noso idioma. Por iso os asinantes daquela Declaración comprometíanse a incluír unha cláusula lingüística nos contratos coas orquestras en virtude da cal quedaban obrigadas a cumpriren dous obxectivos:
É moi frecuente concederlles libre albedrío aos representantes desas formacións orquestrais para que manifesten perante os auditorios perversos tópicos baseados no respeto á pluralidade cultural dos asistentes que nos minusvaloran como pobo con lingua e cultura de seu. Galicia ten que proxectar ao mundo o seu propio acento.
A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia lle trasladou a concelleira e encargada da organización do festexo anunciado, que se contemple a posibilidade de trasladarlle á orquestra Panorama, por se por descoido non se incluíse (no caso de estar contemplado), reciba os nosos parabénes), o desexo de galeguización da súa actuación. Porque entenden que se a lírica medieval foi capaz de expresarse en lingua galega para arrequecer o acervo da cultura universal, os novos “neotrovadores” deben seguir nesa liña.
Dende esta redación desexamos que a encargada de festas cumpra cas medidas que se asinaron no seu día.