17 octubre, 2024
A Asociación de Nais e Pais (ANPA) do CEIP da Pobra do Brollón anunciou a convocatoria dunha concentración o vindeiro venres, 18 de outubro, ás 12:00h fronte ao edificio da Dirección Xeral de Recursos Humanos en Santiago. A protesta vén motivada pola falta de resposta á súa petición dun mestre de apoio, coa calidade educativa do centro en xogo.
Segundo explica a ANPA, dende o comezo do curso escolar o centro enfróntase a unha situación insostible, na que, ante a ausencia de mestres, os nenos quedan sen clases lectivas. Esta problemática agrávase coa redución da xornada lectiva do profesorado, que pasou de 25 a 23 horas, o que fai imprescindible a contratación de persoal adicional para garantir o normal funcionamento das clases.
Desde a propi ANPA destacan que a Consellería de Educación suxeriu xuntar os cursos de 3º a 6º, un total de 16 nenos, incluído un alumno cunha discapacidade do 33%. Con todo, a ANPA denuncia que isto incumpre o acordo do 10 de xullo de 2009, que permite agrupar a estudantes de diferentes cursos só se non superan os 12, unha cifra que o CEIP da Pobra do Brollón excede ao contar con 17 alumnos.
As familias, desesperadas ante a falta de recursos e a incerteza, están optando por sacar aos seus fillos do centro. «Non hai dereito co que están a facer no rural. Só pedimos un mestre máis para poder dividir os ciclos», lamentou a presidenta da ANPA.
Así, a comunidade educativa do CEIP da Pobra do Brollón fai un chamamento á sociedade para que coñezan a súa situación e apoien a súa loita, que consideran representativa de moitos outros colexios rurais galegos en situación semellante.