La alcaldesa Goretti Sanmartín y el presidente de la Xunta, Alfonso Rueda
5 noviembre, 2025
Na súa intervención, a rexedora compostelá reivindicou a importancia desta facultade para a capital galega, un proxecto non só para a comunidade universitaria, senón “de cidade”. “Este é un proxecto moi importante para o conxunto de Santiago de Compostela por iso é que todas as administracións que estamos aquí presentes temos que remar na mesma dirección para que sexa unha realidade”, destacou Goretti Sanmartín, quen defendeu que Santiago é un concello que “sempre foi de coidados, ao abeiro do ámbito sanitario, situando no centro da maneira de ser de Santiago o coidado das persoas”.
A alcaldesa puxo en valor a relevancia desta facultade e de todo o campus científico son “exemplos paradigmáticos da transferencia de coñecemento e a vinculación coa sociedade” e con Compostela. E ademais de poñer énfase no cambio físico da propia facultade, falou dos “cambios importantes a nivel social” coa “transformación” que foi experimentando coa incorporación das mulleres á universidade.
Neste sentido, fixo unha lembranza especial para todas as pioneiras desta disciplina e con iso facer “un recoñecemento a todo o que hai detrás desta primeira pedra”, citando a Manuela Antonia Barreiro Pico ou Maruxa Panisse, que abriron camiño a outras mulleres nun momento histórico no que tiñan impedimentos como a necesidade de contar con permisos paternos para estudar ou que trouxeron a “liberdade” ás mulleres. E chegou ao momento actual, onde temos “a investigadoras de máximo nivel e de prestixio” na investigación, que simbolizou en Mabel Loza, galardoada coa Alba de Compostela en 2024.
Aprobación en Xunta de Goberno
Finalmente, a rexedora compostelá volveu tender a man da administración municipal para facilitar e facer que sexa posible que esta obra sexa unha realidade canto antes e animou a rematar esta primeira fase e a continuar para que a Cidade da Saúde “sexa unha realidade”.
Tanto o reitor coma o equipo de arquitectos gañador agradeceron ao Concello a boa disposición para a tramitación do proxecto e o resto de pasos administrativos. A Xunta de Goberno Local aprobou en setembro a licenza para a construción desta nova facultade, fase I do Centro de Ciencias da Saúde.
O proxecto foi redactado polos arquitectos Alfredo Freixedo Alemparte, Pedro Diéguez Iglesias, Celso Martín López e Jorge Salgado Cortizas e prevé un orzamento para a execución material da obra de 16,5 millóns de euros. A superficie construída total será de algo máis de 14.000 m2 (14.463 m2) cunha ocupación en planta de 2.274.