29 mayo, 2024
O Festival da Lectura SELIC, na súa oitava edición, emerxe como unha celebración da palabra escrita que promete non só entretener e instruír, senón tamén inspirar e conectar ás comunidades literarias e culturais. A rolda de prensa de presentación do evento, na que participaron Míriam Louzao, concelleira de Capital Cultural; Camilo Franco, director da SELIC; e Xaquín Núñez Sabarís, coordinador da sección Criminal, revelou un programa ricamente elaborado que abrangue unha ampla gama de xéneros literarios e actividades.
Así, durante dez días (do 7 ao 16 de xuño), a Quintana convertirase nun punto de encontro para os amantes da literatura de todas as idades e procedencias. Máis de 60 actividades, distribuídas nunha vintena de expositores que inclúen librarías, editoras e institucións culturais, axexan a riqueza e diversidade da escena literaria galega e internacional.
Así, neste 2024 veremos a edición máis internacional na historia do festival, coa visita de figuras como o irlandés John Banville e a palestina Adanía Shibli. Esta última, precisamente, recibirá «unha homenaxe especial por parte do Festival da Lectura coa colocación cunha pedra cun dos seus versos gravados no Xardín das Pedras que Falan (Fonseca)», explicou a concelleira.
Con todo, esta tamén se trata da edición que ofrece unha maior amplitude na oferta da literatura do país, que irá dende do Leo de Matamá ata Rosa Aneiros, pasando por Afra Torrado, Fernández Naval ou Eva Veiga. «Hai un espazo no que o internacional e o propio se cruzan, e ese lugar é a carpa da SELIC», explicou Camilo Franco, incidindo en que o evento se mantén vencellado a Santiago.
CRIME EN COMPOSTELA
Un dos puntos sobresaíntes deste ano é a celebración do cuadraXésimo aniversario de «Crime en Compostela». Gañadora da primeira edición do Premio Xerais, a novela de Carlos Reigosa abre o camiño do xénero policial na literatura galega. Un best-seller, protagonizado polo aventureiro Nivardo Castro e o xornalista Carlos Conde que achega as pesquisas dun asasinato arrepiante que conmove a comunidade compostelá e revela o rostro oculto dunha cidade aínda esotérica e misteriosa.
Así, o Festival da Lectura rinde homenaxe a este feito fundamental para o noso sistema literario, a través do seu cartel onde se exhibe a pistola Star DKL do 9 curto, arma empregada para cometer o «Crime en Compostela». Ademais, haberá unha mesa de debate sobre a importancia da obra, na que estarán presentes Fran Alonso, Xaquín Núñez Xabarís e o propio autor, Carlos Reigosa. Tamén se realizarán dous paseos polos escenarios da novela e polos espazos do xénero negro na cidade, guiados polo escritor e crítico literario Mario Regueira.
SELIC CRIMINAL
Por outra banda, continuando o camiño comezado o ano pasado, a SELIC mantén a súa misión de reflexionar sobre o xénero negro a través da súa sección Criminal. Segundo explicaba o seu coordinador, Xaquín Núñez Sabarís, esta iniciativa naceu coa intención de «encher o baleiro nos eventos galegos dedicados a este tipo de literatura, tan cultivada no ámbito literario, audiovisual e no cómic». Nesta segunda edición, co obxectivo de integrarse na rede de festivais negros, a SELIC Criminal acolle un encontro con figuras como Javier Rivero (Tenerife Noir), Javier Sánchez Zapatero (Congreso de novela e cine negro de Salamanca) e Miguel Barrero (Semana Negra de Xixón).
Esta será unha das actividades que centrará a atención no xénero criminal durante o último fin de semana do Festival da Lectura, do venres 13 ao domingo 15 de xuño. Ademais, varias mesas de debate abordarán outras cuestións relacionadas, como os detectives de ficción, con Bieito Iglesias, Beto Luaces e Araceli Gonda; o cómic deste xénero, con Carlos Portela e Miguelanxo Prado; e incluso as tatuaxes criminais, da man de Servando Rocha.
Esta SELIC Criminal tamén nos achegará ás obras de Rosa Ribas, Sara Vila ou João Tordo; sendo os dous últimos integrantes do Clube de Lectura Criminal que se desenvolve paralelamente na Biblioteca Pública Anxel Casal de Santiago e na Biblioteca Lúcio Craveiro da Silva de Braga, que terá no Festival da Lectura o seu punto de encontro. O peche da SELIC estará a cargo dos relatos negros de todo o mundo, no espectáculo «Crime en carpaccio», coa participación de Simone Negrin.
OUTRAS PROPOSTAS
Tamén haberá espazo neste Festival para outras actividades coma a súa oferta de Paseos, incluíndo 12 rutas para descubrir Compostela desde distintas perspectivas. Ademais das visitas xa populares como o paseo de Crime en Compostela, este ano haberá novas rutas que exploran a cidade desde o teatro e a literatura. Hai ademáis programados eventos especiais, como Enigmas de Compostela, un xogo de pistas para atopar o Códice Calixtino, e Pasa a noite con Meiji, un obradoiro-paseo de pintura en acuarela que forma parte da «sesión golfa» da SELIC.
No 25 de abril, a SELIC examina os vínculos entre a Revolución dos Cravos e a Galiza, cunha charla sobre o libro «50 anos de abril na Galiza» e a presenza de Manuel Durán Clemente e Teresa Moure. Esta edición, por outra banda, tamén incorpora música, poesía e outras formas artísticas, con recitais, concertos e contacontos para o público infantil.
«Ademais da colaboración coas Bibliotecas de Santiago e Braga e a Fundación Carlos Casares, a SELIC continúa sumando socios e socias. Desta volta, conta co apoio do Colexio Oficial Arquitectos de Galicia, os Premios Follas Novas do Libro Galego, a Asociación Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o Festival Atlántica de Narración Oral, o Centro de Estudos Humanísticos da Universidade do Minho (CEHUM) e a Biblioteca José Saramago do Concello de Santiago. A estas cómpre sumar as colaboracións con centros de ensino, que acudirán á SELIC para ter algúns encontros con escritores», destacou o Concello.