26 abril, 2024
“A bonanza económica creada polos plans de desenvolvemento” fixo que na década de 1970 se incrementara en Galicia o número de estudantes e paralelamente “o Réxime concede a creación de novas facultades se hai paz, se se evitan altercados coma os de 1968”, recordou semanas atrás Carlos Baliñas, primeiro decano no período 1975-76 e posteriormente de 1978 a 1981, acerca do contexto no que naceu hai xa medio século, no ano 1974, a Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación, cuxa creación promoveu o propio Baliñas.
Foi precisamente onte cando a USC conmemorou o 50 aniversario da Facultade de Filosofía de Santiago e dos estudos universitarios específicos de filosofía en Galicia nun acto presisido polo reitor Antonio López, quen cualificou esta efeméride como “un feito moi importante” na evolución dos estudos filosóficos na comunidade.
O decano da Facultade, Xavier de Donato, sinalou que esta data “é un momento de celebración, porque estamos nun bo momento para a filosofía, bo para a Facultade e para a Universidade en xeral” e apostou pola unidade “á hora de celebrar a nosa historia, facer memoria e mirar para o futuro”, potenciando os estudos de filosofía no novo contexto social e abordando os retos que se presentarán nos vindeiros anos pola propia evolución da disciplina e da sociedade.
A conmemoración, que se desenvolveu no salón de actos do edificio da Facultade na praza compostelá de Mazarelos, contou coa participación dos exdecanos do centro: Carlos Baliñas Fernández, José Luis Barreiro Barreiro, Juan Vázquez Sánchez, Luís García Soto, José Miguel Sagüillo Fernández-Vega e Marcelino Agís Villaverde, mentres non puido asistir Rafael Martínez Castro, quen tivo o seu mandato despois do de García Soto. Todos eles rememoraron momentos senlleiros na vida do centro e achegaron claves dos períodos nos que estiveron á súa fronte e sobre a evolución dos estudos filosóficos en Galicia.