7 septiembre, 2024
A música, esa linguaxe universal con notación propia e cunha historia sobre a mesma á que convido consultar, ten un escano reservado nas 6/7 artes superiores (segundo consideremos a poesía/teatro), aquelas que os gregos sinalaban para as que podían ser gozadas por medio dos sentidos superiores (vista/ouvido) e que posúe unha forza imparable nos sentimentos e nas emocións: capaz de facernos chorar, rir, causar medo, sensibilizarnos e mesmo facernos relaxar, estremecer… A única co poder físico e espiritual de pasar por riba das demais linguaxes humanas. É como si Apolo e Euterpe nos deixaran a verdadeira lingua universal e franca, que non precisa tradución nin tradutores, porque melodías e harmonías sobrevoan as linguas vernáculas como unha mediación entre os deuses e os mortais.
A música non só está nas rúas, nos concertos e auditorios, festas, romarías, teatros, cinemas… senón que tamén está nas igrexas como xénero sacro ou litúrxico. Se se achegan pola Igrexa de San Agostiño compostelá, entren! e coñecerán a “John” como organista e a “Steven” como cantor. Dous escoceses católicos que non pasaron pola conversión masiva nestas últimas décadas desde o anglicanismo. Eles presumen de ser católicos de pura cepa. Coñecéronse hai uns trinta anos en Glasgow co fin de gravar unha misa católica para a BBC. Chegaron por primeira vez a Compostela no 2007 e levan feito 40 e 50 “Camiños”, respectivamente. Considéranse, auténticos peregrinos! Aquí se asentaron e aquí se senten como na súa casa. Cando os acordes de John e os vibratos de Steven resoen na praza homónima, non lles quedará outra que entrar en lugar sagrado. Sexan vostedes crente ou non, algo inexplicable fará a música para que rematen entrando.
Dous escoceses amenizan a liturxia en San Agostiño. Son a alma e eco deste templo. Dan un ton diferente ao rito, ata o punto que un desexaría que a musica tivese máis presenza no mesmo. Ademais, se un rastrexa na biografía deste autor da Patrística entenderá que o cristianismo débelle moito a súa teoloxía, non só polo enfrontamento con maniqueos e pelaxianos, senón porque en confesión súa, non houbo pecado que non cometese. É destes personaxes históricos que marcan a historia. Digamos que para pasar de pecador a santo hai que entender unha máxima cristiá: a necesaria imperfección humana. Desa necesidade emana todo un camiño de vida, porque segundo el “a verdadeira perfección do home é descubrir as súas propias imperfeccións» (Ser. 142, 14). A primeira non existe, pero si o camiño cara ela. E, segundo o mestre de Hipona, esa verdade non se atopa fóra, senón no noso interior. (De Vera religione, 39, 72). Entren! vostedes en San Agostiño sabendo que este personaxe trouxo da cabeza, pola súa vida licenciosa, á súa nai Mónica, que non fixo bo del, ata que atopou a súa verdade. Parte importante desa metamorfose débese a lectura dun libro perdido, só conservado fragmentariamente por fontes indirectas (Séneca, Tácito, Nonio Marcelo, Lactancio e o propio San Agostiño), trátase do Hortensius de Cicerón. Tal e como deixa por escrito nas súas Confesións: “non era para pulir o estilo, polo que eu empregaba a lectura daquel libro, nin era a a súa elocución o que me incitaba a lelo, senón o que dicía” (Conf. III, 4, 7) Que tería, entón, ese libro para que aquel mozo desnortado puxese proa ao vento, comezase a cuestionarse a súa existencia, o seu rumbo, ata converterse no Doutor da Graza? Como comprenderán, este artigo só é para abrir boca e convidalos a pasar por San Agostiño. As dúbidas terán que resolvelas vostedes. Só lles indico, que no verán do ano 386 dc., escribía este Santo seis libros sobre música. Este tratado, De musica, supón o máis completo referente para o estudo da métrica latina e do ritmo musical de finais da Idade Antiga. Influíu na IM e no De musica libri septem do renacentista salmantino, Francisco de Salinas e estiveron vixentes certos conceptos musicais, ata o s. XVIII. Nos primeiros libros ocúpase da duración dos sons, da súa combinación en largos e breves (pés métricos) dos ritmos e constitución dos versos. A música é a ciencia de medir/modular ben. (“Musica est scientia bene modulandi”). Será no seu libro VI onde eses conceptos técnico-musicais se abandonen para centrarse sobre os metafísicos e teolóxicos. A música, como realidade sensible, é un camiño máis para o coñecemento divino. Unha harmonía pasaxeira, temporal é quen de espertar nas nosas almas, ritmos e harmonías eternas. Iso é o que explica para San Agostiño, que unha composición musical nos chegue e emocione, porque “o amor polas cousas temporais só poderá ser superado coa suavidade das eternas”. (De Musica, VI, 16)
Cando se acheguen por San Agostiño, primeiro escoiten a esta parella de músicos escoceses e logo falen con eles. Non lles garanto que a música abra todas as portas que nos dixo o santo, porque dependerá das nosas chaves e de querer ou non franquealas; agora ben, vostedes entren e logo opinen. Ah! e por certo, non se esquezan do máis importante: “dilige et quod vis fac”. (Tract. in 1 Io. 7, 7-8) Ama e fai o que queiras!