1 julio, 2024
A falta de autoestima de moitos galegos e galegas lévaos a seren protagonistas de comportamentos esperpénticos. Contoume o maxistrado Xosé Xoán Barreiro Prado, presidente da Sección 2ª da Audiencia Provincial de Pontevedra, que en todas as vistas orais e sentenzas utiliza a lingua galega, como en máis dunha ocasión tivo que pararlles os pés a algúns suxeitos que prestaban declaración ao manifestaren o atrevemento de de dicir que non eran galegofalantes, pretendendo con esta argallada impoñer o uso da lingua castelán no proceso xudicial. Pero vostede será galegoescoitante, non si?, preguntáballes. Daquela limítese a facer uso do seu dereito a utilizar calquera dos idioma cooficiais en Galicia, que eu fareino no meu, en galego.
Don Alejandro Couselo, maxistrado dun Xulgado do Social en Vigo, ditou días atrás unha providencia negándolle o dereito a unha das partes do proceso que solicitaba que a outra declarase en castelán alegando indefensión. Comportamentos desta índole son moi comúns acotío. Por iso cómpre maior firmeza na defensa do noso dereito a expresarmonos en galego sen ter que falar na lingua do noso interlocutor. As lingua son códigos de comunicación e os seus usos non se rexen polas normas das boas maneiras.
Os Premios Peña Novo, que foron creados pola fundación homónima, pretenden recoñecer con estas distincións a todas aquelas persoas que no exercicio das súas actividades profesionais dignifican a lingua galega facendo valer o uso do seu dereito, expresándose nela, oralmente e por escrito. O noso idioma goza do recoñecemento legal para ser utilizado en calquera esfera social ou profesional sen ningunha limitación.
Este ano os Premios Peña Novo chegan á XXVIII edición. Durante este dilatado período de tempo foron premiados, empresarios, médicos, xuíces, avogados, comisarios de policía, notarios… Con eles preténdese recoñecer e estimular aos auténticos dinamizadores do proceso normalizador na transversalidade dos seus usos. Os seus exemplos dignifican a lingua galega e son merecentes de seren imitados. A pretensión é chamar á autenticidade dos nosos comportamentos para sermos máis nós.
Os Premios Peña Novo, que se entregarán no castelo de Soutomaior en acto público, aberto aos que estean interesados en participar o próximo día 4 de xullo, ás 19:30 horas, seránlles concedidos polos seus moitos méritos a:
Concello de Carballo “polo desenvolvemento dunha política lingüística dirixida ao fomento do uso do galego nun concello cunha poboación de 30.000 habitaantes no que existe unha porcentaxe nada desprezable de inmigrantes, fomentando deste xeito a cohesión lingüística na cidadanía”:
Dona María Jesús Lago Vilaboa, Xefa do Servizo de Traballo Social da EOXI de Vigo, “polo seu compromiso coa contorna e realidade da súa comunidade maioritariamente galegofalante, sendo un referente no eido social como militante activa na xustiza social e os dereitos das persoas”.
Don Carlos Pajares Vales, doutor en Física e catedrático. Foi o primeiro Reitor democrático da Universidade de Santiago de Compostela durante o período 1985-1990. “Durante este mandato implantou na institución académica un proceso de galeguización eficaz e continuado a través da creación dun servizo propio, dedicado ao fomento do uso da lingua galega no ámbito académico e científico”, que logo foi imitado polas universidades de Vigo e A Coruña despois da segregación.