3 octubre, 2024
Se quere darlle luz a un cadro, pinte con negro, unha ou dúas mans. Se quere vestir de loito, compre traxe de cor negra e se quere seguir amando á soidade, envolva a cara nun trapo negro e agarde polo futuro, ese tempo no que todo será claridade, solvencia e dinamismo, aínda que tamén pode ser negro.
A vestimenta negra enche os armarios das casas dos que buscan a cor para identificarse con ela e adquirir tranquilidade e sosego. Camisa negra, chaleco negro, pantalón e chaqueta da mesma cor, negra. Un negro sufrido que ten que aguantar moito tempo sen perder o ton do torontontón. Poucas son as persoas que se visten sempre de negro e moi poucas as que non teñen no seu armario algunha prenda de cor negra, para combinar, para presumir e para alumear.
Ao falar do negro, a psicoloxía da cor recomenda esta, xa que, de entre todas, a cor negra é das que máis axudan á conexión directa coas emocións, ese estado de ánimo procedente da ledicia, da sorpresa e tamén do medo. As cores negras, brancas e roxas son duradeiras, caprichosas e amorosas. A negra, segundo os expertos, é capaz de influír, máis que ningunha outra, na personalidade e carácter das persoas ás que lles gusta esta cor.
Vestir de negro parece que é “ir de serio”. É para expresar sentimento e sensación de forza, transmitir esa necesaria idea da paz. Debería vestir de negro medio mundo, para parar definitivamente as guerras e para que cadaquén teña sinal das miradas da sociedade, con vehemencia e sen ningunha expresión extraordinaria de xenreira.
A cor negra trae á memoria lembranzas de melancolía e tristeza, de elegancia e tamén de protección, escondéndose na escuridade, detrás da luz de todas as lámpadas. Quen viste de negro, de pés á cabeza, está mostrando á veciñanza a súa seriedade ou dicíndolle que se identifica cos góticos ou cos rebeldes de estética escura. Hai textos, documentos e estudos, elaborados por científicos e expertos en psicoloxía da cor, que conclúen sinalando diversas interpretacións sobre a cor negra na vestimenta das persoas.
En calquera caso, o negro é elegante, serio e protocolario. As outras cores na roupa nova e ben feita, tamén. Igual que o cabelo dourado é tan fermoso como o negro ou o branco peiteado. A Tía Manuela insiste: “nisto, o mellor é o normal”. Normal! Si, conforme ao que é máis frecuente e habitual, o común, o corrente e ordinario, aínda que a veces, precisamente, o normal non é tan normal como vostedes e eu pensamos. E o normal debemos estendelo ao grade abano das cores, de tódalas cores, incluídas as do ceo, as do mar e as diferentes cores do verán e do inverno