1 abril, 2024
A chegada dun novo diario é un motivo de satisfacción, unha razón para a esperanza, unha mirada para o futuro e unha alegría para os lectores. Neste caso, coa chegada do Diario de Santiago, a cidadanía ten outra xanela aberta á pluralidade, ao contraste de opinións, á luz e á certeza dos aconteceres.
Os que defendemos a liberdade e o dereito das persoas a actuar e a decidir cadaquén conforme ao seu propio criterio, estamos agradecidos e aplaudimos a edición dun novo medio de comunicación, que acadará enorme éxito e será o diario de tódalas persoas que aprecian a Santiago e a cada un dos seus recunchos de beleza, de harmonía e de sosego.
Noraboa e grazas aos promotores da iniciativa. Eles saben que, como consta na Declaración Universal dos Dereitos Humanos, “tódolos seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos”. Entre eles está, de por vida, o dereito á liberdade, amparado noutros dereitos, o de información, de opinión e de expresión. Os promotores, dicimos, farán do Diario de Santiago o alicerce para que na órbita do mesmo todas as persoas sexan libres e, xa que logo, formadas e ben informadas.
A contribución dos medios de comunicación ao desenvolvemento social é un feito, é unha realidade recoñecida e, a partir de hoxe, a nosa comunidade lectora conta cun novo xornal que será, agrandará ou facilitará, un espazo de diálogo e de interacción, no que a cidadanía poderá, e deberá, tomar a palabra.
Reiteramos os parabéns para quen proceda, felicitamos esta iniciativa e desexámoslle longa e frutuosa andaina a Diario de Santiago.