7 septiembre, 2024
Cambiaron as cousas, os símbolos e as aparencias. Agora, nestes tempos novos, os políticos do goberno e os aspirantes calzan zapatillas de cores diversas, para facer honra e honor á diversidade que se defende nos discursos e nos mitins electorais, cando hai eleccións, cando conveña. Os executivos visten camisa elegante de seda ou de tecido fino e calzan zapatillas ou alpargatas, para andar comodamente por ese chan de moqueta. Os campesiños, cando van de festa, tamén visten o mellor que poden.
Os cordóns dos zapatos modernos son de cores distintas. Unha zapatilla ten o cordón de cor negra e a súa compañeira vai atada cun cordón de cor vermella ou branca. O caso está na diferencia, no respecto á diversidade, en dar motivos para falar do banal, de todo aquelo que non ten importancia. Canto máis trivial, mellor para entreter e desmemoriar á cidadanía.
Cadaquén pode e debe vestir e calzar como queira, presumir á súa maneira, e rezar na casa, en alto mentres camiña ou onde queira. Xa na Idade Media, cando se xeneralizou o uso do calzado, os zapatos tamén servían para tapar os defectos dos pés e, como en épocas anteriores, son símbolos da posición social de quen os calza. Outros pasaron a súa vida descalzos, como os escravos.
A industria do calzado apareceu cando fixo falta e cando se albiscaba o negocio. Dende o seu principio foi cambiando constantemente, guiada polas modas. E quen guía a moda? Como di a Tía Manuela, “a moda, en vestir e calzar, hai que guiala cara a sustentabilidade”. Segundo indican as estatística, hai millóns e millóns de prendas que non se usan máis de cinco ou seis veces ao ano, logo cómpre facer algo, cambiar a moda e, se é conveniente, cambiar o mundo.
Parece necesario, e obrigado saber que a roupa e o calzado máis sustentable é o que xa existe, polo tanto, hai que pensar en reciclar e reutilizar para acadar a sustentabilidade da roupa, dos zapatos e das zapatillas. Hai que arranxar esta indumentaria e non poden doer prendas ao participar en mercados de segunda man, cada vez máis de moda. De moda son as compras conscientes, a calidade e o respecto ao medio ambiente, mentres que aquilo que non se usa perde interese, require e esixe cambiar de armario e de amo ou de ama.