3 julio, 2024
Cando no mundo do deporte, de 10 veces que te enfrontas, sabes que só podes gañar unha, a vitoria ten un sabor diferente. Aí entran a motivación e a estratexia e, dado que – como ben saben os meus lectores – son amigo de conectar historias, lendas, mitos e o que se terce, convídoos a que continúen esta lectura; se ben, antes de tal comparación, expoñamos os feitos:
O equipo cadete do San Pedro FC. de Santiago de Compostela vén de proclamarse campión da Copa de Santiago da categoría. Dito así, semella algo normal ou previsible. Para nada! Este equipo Compostelán cobra uns 35€ ao ano por inscripción, lonxe dos 300 ou 400€ dos equipos “premium”. Un equipo conformado por rapaces do barrio, onde hai mozos venezolanos, marroquís, arxentinos… fillos de pais que residen no contorno. O concepto do deporte neste tipo de equipos ten unha dimensión social, que nada ten que ver con outros. Nin mellor nin peor, pero sen este tipo de clubs, moitos rapaces non poderían practicar un dos seus deportes favoritos. Nas recentes festas do barrio o equipo recibiu un recoñecemento. Alí estiveron todos, cos cabelos tinxidos, incluída a súa presidenta, “Cuqui”, quen tivo unhas palabras de agradecemento para todos os asistentes. Encomiable! o seu traballo entre os máis novos para manter todas as categorías inferiores.
Dicía máis arriba que, cando un débil lle gaña a un forte prodúcese un “David contra Goliat”; como se o Compostela lle gañase a un Real Madrid. Pois, este equipo derrotou á terceira o cuarta mellor canteira de Galicia. Velaí a xesta, fazaña… ou como se queira nomear.
Dado que hai que consultar as fontes, aí quedei co seu adestrador, Manolo. Pregunteille como fixera. Se lles puxera un vídeo, tal Guardiola fixo con “Gladiator”; se os motivara dicíndolles que “o que facemos nesta vida ten o seu eco na eternidade”. Nada! Non soltou prenda! Nin as cañas amoleceron a este coach do cadete do San Pedro FC. Limitouse a dicir que no fútbol gaña o que máis goles mete e que non se pode pasar todo o partido con medo. Que do medo non se saca nada!
Un servidor, que non viu o encontro, e que só dispoño do resultado: 4-2, non puiden máis que imaxinarme un Blas de Lezo en Cartaxena de Indias. El tamén lle perdeu o medo aos ingleses e pasou ao ataque. O fútbol ten ataque e defensa. As dúas cousas son obrigadas. Ten estratexia. Hai que saber cando atacar e saber cando defender. Ten por tanto, moito de disciplina e por suposto de creatividade nos seus soldados. Aquí, si logrei certa confidencia ao confesarme Manolo que os sistemas están matando a creatividade dos xogadores.
Ataque/defensa… veume en nada a analoxía coa Arte da guerra de Sun Tzu: “A invencibilidade reside na defensa; a vulnerabilidade, no ataque. Se as forzas no son suficientes é mellor defenderse, mentres que se ataca cando se considera que sobran”.
Entón entendín, sen ver o partido, como tivo que ser! Perderon o medo, gañaron forzas e pasaron ao ataque!
Parabéns! para estes mozos pola súa xesta deportiva. Parabéns! para o seu adestrador, Manolo, que ten unha porcentaxe indeterminada, pero importante no triunfo. Parabéns! para a súa presidenta e o club que dirixe, o San Pedro FC., onde non só ela, senón unha directiva de voluntarios altruístas adican o seu tempo a infinidade de necesidades loxísticas, sen cobrar un euro. Todos eles, aínda que non o saiban, encarnan a maior das dignidades: pensar nos demais! En palabras da Nai Tareixa: “quen non vive para servir, non serve para vivir”. Así se integran os rapaces no deporte, así se dinamiza un barrio, se fan veciños, se socializa unha comunidade e, en suma, se fai cidade.