28 octubre, 2025
Unha publicación, “Refraneiro galego da vaca” (1995) sobre o campo semántico da vaca galega da man dun veterinario, Pedro Benavente Jareño e un filólogo, Xesús Ferro Ruibal pasou bastante desapercibida na bibliografía específica. Remito a este libro de doada consulta na rede:
http://www.cirp.gal/pub/docs/frase/ref_vaca.pdf para acceder a máis de dez mil palabras, máis de mil refráns, cantigas populares, adiviñas e mesmo os relatos galegos de tradición oral.
Feita esta recomendación entremos en materia:
Todos os equipos que se precen teñen unha fonte ou unha praza onde deuses, deusas, ou personaxes históricos que dan nome a esas prazas interceden polos éxitos deportivos. A SD Negreira ten a súa, a Fonte das Vacas:
Por razóns obvias non podemos traer aquí todas as prazas e fontes, onde os respectivos equipos das distintas ligas celebran éxitos, presentan as tempadas… Só farei mención daquelas que gardan certas concomitancias:
A praza das Tartarugas, a praza das velas, a plaça del Vi (praza do viño), Fonte de Hispalis, Neptuno, Canaletas, Cibeles, praza da Virxe Branca… aquí é onde podemos engadir a nosa Fonte das Vacas. Algúns outros teñen gabarras, rías e ríos como o Pisuerga por onde sacan os seus barcos. Digo isto porque o Tambre e o Barcala andan a queixarse de tanto abandono institucional. Hai ben pouco a SD Negreira sacaba un camión-trailer para que os seus xogadores se achegasen a esta fermosa fonte e poder celebrar o título da Supercopa Galicia, que daba pé á fase previa da copa do Rei. Pasada esa fase, e por dereito propio, vaise ver as caras cun histórico do fútbol profesional español, a Real Sociedade.
Só lles digo unha cousa: como as vacas se lles dea por bruar (en castelán mugir) poida que o estadio Jesús García Calvo faga da onomatopea vacúa o seu himno ou grito de guerra: muuuuuu! muuuuuu!
Este pequeno concello galego, á beira dos sete mil habitantes, está facendo historia e a historia moitas veces é dos que máis fe teñen. Traballadores e estudantes. Ese é o perfil dos xogadores que integran este equipo do Negreira. Medio país está con eles, cos que non viven do fútbol, cos que o fútbol acompaña para vivir.
O val do Barcala pasará a historia non só polos seus túmulos megalíticos de Corzán, polas estatuas do castro de Logrosa, pola Nicraria Tamara (a antiga Vía Per Loca Marítima), polo nomeamento de Vila en señorío por Alfonso o Magno (876), pola súa vinculación xacobea, non só como parte da ruta a Fisterra, senón pola axuda na Translatio aos discípulos na Ponte das Pías (Ponte Maceira?), pola lenda de Munia e Bernaldo, ou polo famoso trobador, Afonso Eanes do Cotón… tamén pasará a historia polo que estes rapaces xa levan feito como xesta deportiva.
Porque a historia non só pertence a bispos, nobres, reis, trobadores…senón que forman parte dela os humildes. Só lles digo unha cousa: Plinio o Vello dividiu a Gallaecia entre os tamaricos e os trastamaricos. Negreira por estar a carón da raia do Tambre foi terra fronteiriza. Aquí libráronse batallas famosas como a do arcebispo Xelmírez contra as levas do conde de Trava, Pedro Froilaz; aquí deuse voz, a carón do Tambre a un acordo de paz entre nai e fillo, asinado en Sahagún (Urraca e Alfonso VII) baixo representantes, pero coa testemuña do Tambre diante do rei neno. Aquí loitaron as tropas do arcebispo Fonseca contra a liñaxe dos Moscoso…
Os tempos cambiaron e o deporte ten as súas páxinas reservadas na historia. Os xogadores do Negreira, queiran ou non, gañen ou perdan, librarán unha batalla deportiva a carón do Tambre, onde xa se teñen librado outras. Sorte! para estes novos soldados da pelota.
Só nos queda buscar un berro de guerra apropiado para estes deportistas. Convirán comigo que o Come on! Afouteza! You’ll never walk alone!… xa están collidos. Máis arriba quedou, en clave de humor, apuntada a onomatopea das vacas; nesa liña un servidor propón: Turra Negreira! Turra!