29 abril, 2024
A catedral de Santiago pousa a súa primeira pedra de cantería no ano 1075. O tempo que nos separa desa data ata o día de hoxe son 949 anos. Sabemos que moitas das primeiras pedras de granito saíron das canteiras dos arredores: do Pedroso, Rocha Vella, Vidán, Aradas ou Queiroal (Santa María da Peregrina).
Porén, non podemos afirmar cando remata unha catedral, porque as catedrais son eternas, nunca rematan. Pensen en Notre Dame ou nos tempos da Sagrada Familia. As catedrais dependen de impulsos, mecenas, doazóns, de artistas, de sapiens architectus. Non dependen dunha xeración ou dúas, nin de tres; unha vez que cobran vida son ampliadas, modificadas, reconstruídas… A nosa, que está entre o tres grandes santuarios da cristiandade tivo proxectos que non se materializaron (cabeceira gótica) torres defensivas substituídas (torre de San Miguel). Tivo ampliacións, claustro, panteón real a medida que ían pasando nos séculos. Substitucións de estruturas, ciborio, claustro, Porta Francígena, coro pétreo…
As novas correntes de pensamento renacentistas, barrocas ou neoclásicas deixaron cousas e quitaron cousas. Por exemplo: o coro pétreo de todo un Mestre Mateo foi desmontado e substituído nos anos 1603-1604 por outro de madeira, que sería prescindible, á súa vez, en 1945. Ás veces son circunstancias, desgrazas como un incendio, necesidades, gustos, tendencias, cambios litúrxicos os que causan tanta transformación. Así se explica que conserve un claustro plateresco e fachadas románicas (Platerías), barrocas (Obradoiro e Porta Santa) e neoclásicas (Acibechería). A catedral é un ente vivo, que deixa en nós a responsabilidade da custodia e mantemento, ata a eternidade. Aquí son adaptables aquelas palabras de Jean Monnet: «les gens comptent, les institutions comptent beaucoup plus». Con esa adaptación tan difundida: Les gens passent, les institutions restent. Porque, para que esta catedral continúe en pé, desde os que traballaron por un anaco de pan ata os mellores mestres-arquitectos, desde as esmolas dos pobres e peregrinos, ata as doazóns reais foron tan necesarias como para ter a dignidade de formar parte dela. Nomear aquí só aos grandes mestres canteiros sería privilexiar aos Bernardos, Mateos, Casas, Andrades, Herreras, Arces… fronte a milleiros de doantes peregrinos, colaboradores e traballadores anónimos.
A data da súa consagración como santuario relixioso, recollida en acta no Tombo B (f. 207) foi o 11 de abril de 1211, case século e medio despois da súa primeira pedra; a catedral, nin estaba rematada, nin se parecía en nada a actual. Non existía a Berenguela, nin o Reitorado, nin o Hostal nin o pazo de Raxoi… era xenuinamente románica e, Santiago, unha pequena cidade medieval amurallada. Se hai un elemento que xustifica esta consagración, alén dos restos do Apóstolo, obviamente, é o remate do Pórtico da Gloria.
O rei Fernando II de León concede unha xenerosa doazón vitalicia ao mestre Mateo con dous marcos de prata semanais, uns cen marabedís de ouro anuais, entre 1168-1188, (ano da súa morte) para dar ese impulso definitivo as naves e ao Pórtico da entrada. Neses vinte anos rematarase o conxunto, tal e como figura no lintel do Pórtico: «anno ab incarnatione Domini MCLXXXVIII era ICCXXVI die Kalendas / aprilis super liminaria principalium portalium / ecclesie beati iacobi sunt colocata per magistrum matheum / qui a fundamentis ipsorum portalium gessit magisterium». (No ano da Encarnación do Señor, 1188, no día 1 de abril, foron colocados polo mestre Mateo os linteis da porta maior da Igrexa de Santiago, quen dirixiu a obra de ditos portais desde seus cimentos). O conxunto non rematará ata 23 anos máis tarde (o taller mateano irá dando forma as esculturas do tímpano, as arquivoltas do tríptico… sen esquecer o coro pétreo), cando se produza a consagración e bendición do templo, por parte de Afonso IX de León, o primoxénito de Fernando II. O pai non puido estar no albaroque das obras que sufragou, rematando os seus restos, por expreso desexo de seu fillo no panteón real ou capela das reliquias, destino que tamén o agardaría a el en 1230, cando falece en Sarria facendo, como peregrino, o Camiño de Santiago.
As catedrais son o produto de toda unha sociedade. Foron as maiores empresas de contratación na IM: xuntaron a reis, arcebispos, a mestres arquitectos, a canteiros, carpinteiros, ferreiros, peóns, aprendices… e a bois e carros carrexando pedras das canteiras e trabes das devesas. Xuntaron aos poderes administrativos e relixiosos, tamén ao científico e ao espiritual e, sen a achega de todos non se construiría nunca unha catedral.
Permítanme, ante tan vasta bibliografía, unha única recomendación, a colaboración que para exposición Maestro Mateo en el museo del Prado, 2016, fai o catedrático de Historia de Arte Medieval da UAB, D. Manuel Castiñeiras, «La iglesia del Paraíso: el Pórtico de la Gloria como puerta del Cielo»: Entre los eruditos compostelanos es bien sabido que el nombre «Pórtico de la Gloria» es una denominación contemporánea derivada de las lecturas iconográfcas del siglo xix, ya que hasta entonces este se conocía más bien como “Pórtico de la Trinidad” (p. 57). A argumentatio é máis que convincente, así como o apuntamento ou hipótese da colaboración do cóengo Chantre ou do propio arcebispo, D. Pedro Suárez de Deza, no asesoramento teolóxico ao Mestre Mateo. Como xa dixemos máis arriba, esa fusión de ámbitos, o científico-tecnolóxico co teolóxico-espiritual é imprescindible para unha obra deste calado.
Ata hai ben pouco era un misterio saber de onde procedía a veta da pedra que deu forma ao Pórtico da Gloria. As análises das catas enviadas ao laboratorio italiano (Cooperativa Beni Culturali Spoleto) para identificar de onde saíra a cantería do Pórtico – entre as canteiras próximas a Compostela – arroxaron resultados negativos. O envío dun correo electrónico por parte dun profesor, David Pérez, natural de Brins (Figueiras) á directora e responsable da restauración do “Programa da Catedral de Santiago”, Dna. Concha Cirujano, resultaría revelador. De neno, este veciño de Santiago lembraba o nome daquel filón como “a canteira da catedral”. Esta cata popular, transmitida oralmente, si resultou ser auténtica. Sirva como cotexo, que hai pezas e perpiaños da catedral traídas da canteira do Incio, que estaba no Camiño de Santiago.
En palabras do escultor Miguel Sobrino, o que fixeron os canteiros do Pórtico é algo milagroso co granito. Superouse o propio límite da pedra e nunca máis se faría algo semellante, porque o granito é unha variedade “terrible, de una dureza extrema” para lograr e perfeccionar detalles da fisionomía humana, por exemplo. É unha pedra extraordinaria para exteriores, soportar peso, columnas… pero non para tallar un Pórtico. Nunca máis se puido nin se soubo buscar o límite do granito galego, esculpindo unha pedra tan dura como se fose madeira. Reparen, por exemplo, no sorriso do profeta Daniel, nos apóstoles, nos anxos da pasión, nos anciáns do Apocalipse e o organistrum… que as novas tecnoloxías nos permiten visionar dun xeito nunca imaxinado, en calidade e definición de imaxe xigapixel.
Vid. https://porticodelagloria.fundacionbarrie.org/
Remato cun chamamento: as canteiras galegas non son espazos para botar lixo. Algunhas delas forman ou deberían formar parte do patrimonio xacobeo. Son importantes para dispoñer de posibles materiais de substitución de cara a futuras restauracións. Sería importante crear unha figura legal para protexer estes espazos, polo pasado insigne e por un futuro respectado polas novas xeracións, e non para acabar rematando como vertedoiros. Que tristura e mágoa, que a canteira-mater do Pórtico da Gloria, a canteira de Brins, de onde saíron as pedras para unha das grandes marabillas románicas do mundo, sexa toda unha descoñecida para Compostela!