Vimbio arranca o 2025 con 'Eu Non Quero Traballar'
10 enero, 2025
O grupo Vimbio comeza o ano con forza co lanzamento de ‘Eu Non Quero Traballar’, unha canción que combina a tradición galega cunha potente estética punk. Este tema, que parte dunha cantiga popular galega, foi reformulado cun estilo máis canalla e irreverente, consolidando a aposta do grupo por unha proposta musical ecléctica e innovadora.
Trátase do quinto adianto do seu próximo proxecto, tras o éxito de ‘Insisto’, ‘Mayday’, ‘Bombas Incendiarias’ e ‘Comeza o Xogo’. A banda, liderada por Álex Arnoso, recoñecido pola súa traxectoria en SonDaRúa, reafirma con este lanzamento a súa capacidade para fusionar estilos como o rap, o metal e o punk, creando unha sonoridade única que destaca pola súa contundencia e diversidade.
O tema foi gravado en LUFS Studios e conta coa mestura e masterización de Damian Mo. Ademais, o seu videoclip, dirixido por IzanMG, foi rodado en diversas localizacións galegas, como Vigo, Porriño, Ponteareas e As Neves, reforzando a conexión da banda co territorio.
Con este novo sinxelo, Vimbio tamén anuncia a súa incorporación ao roster de PlayPlan, unha axencia que representa artistas destacados como Tanxugueiras ou Sabela, e que organiza festivais de referencia como o SonRías Baixas ou o BIGSOUND Pontevedra.
Vimbio preséntase como a nova forza da escena metal galega, mesturando influencias dos anos 90 e 2000 cunha visión contemporánea e renovadora. Coa forza das súas letras e o poder das súas guitarras, o grupo busca converter o 2025 no ano no que o rap e o metal recuperen o seu protagonismo, poñendo o foco en xéneros que marcaron xeracións e que, da man de Vimbio, rexorden con enerxía e autenticidade.