29 mayo, 2024
Os vineiros días 6 e 7 de xuño, a Alameda compostelá acollerá as actividades da Semana de Prevención de Incendios, organizadas polo Servizo Municipal de Extinción, a Fundación MAPFRE e a Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros (APTB), un evento que inicialmente estaba programado para o pasado mes de outubro pero foi posposto por mor do mal tempo e que busca sensibilizar á comunidade e ensinar como actuar en situacións de emerxencia.
O concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais, Xan Duro, xunto co xefe do Servizo Municipal de Extinción de Incendios, Manuel Sanmartín, presentaron os detalles das actividades.
Duro agradeceu á APTB e á Fundación MAPFRE por escoller Santiago para esta XIX edición do programa e destacou que o obxectivo é «sensibilizar á cidadanía sobre os riscos en fogares, lugares de traballo e colexios, e proporcionar os coñecementos necesarios para actuar en caso de emerxencia».
Nesta edición, a semana centrarase na importancia dos detectores de fume, especialmente dirixida ao público escolar, para que os nenos adquiran hábitos preventivos e actúen como educadores nas súas casas.
En canto á programación, polas mañás haberá visitas organizadas de colexios, aínda que estas estarán abertas a toda a cidadanía, mentres que polas tardes, de 16:00 a 19:00 horas, as actividades estarán deseñadas para o público en xeral.
«O eixo principal da Semana da Prevención de Incendios é «A Casa de Fume», unha vivenda inchable na que as persoas participantes poden aprender as claves para «escapar» dun lugar no que se orixinou un incendio. Ademais, mostrarase como manexar as mangueiras e extintores, haberá exhibicións de vehículos de bombeiros ou traxes de intervención; e tamén talleres prácticos de reanimación cardiopulmonar e primeiros auxilios a cargo do 062 ou talleres demostrativos dos equipos de respiración e material de escape. Outro dos atractivos do programa serán as exhibicións de rescate vertical en altura», destacou o Concello.
Desde a súa creación, a Semana de Prevención de Incendios de Fundación MAPFRE e APTB chegou a milleiros de escolares en toda España cun programa didáctico que inclúe simuladores, vídeos educativos e obras de teatro. Segundo o Estudo de Vítimas de Incendios en 2021, elaborado por Fundación MAPFRE e APTB, a maioría dos falecementos por incendios en fogares ocorren en salóns ou dormitorios, a miúdo pola noite. En 2021, houbo 152 mortes en incendios domésticos, das cales o 70% foron por intoxicación por gases e fume. A APTB subliña que os detectores de fume poderían evitar moitas destas mortes, xa que a maioría das vítimas non se despertan ao comezo do incendio.