19 septiembre, 2024
O vindeiro venres, 20 de setembro, Arzúa será unha das 24 localidades galegas que acollerán a xornada itinerante “Moito que facer!”, organizada pola Asociación de Familias Monomarentais de Galicia (FAGAMOS) en colaboración coa Consellería de Política Social e Igualdade, o Ministerio de Igualdad e o Centro de Información á Muller (CIM) de Arzúa. Esta xornada forma parte do proxecto “Currunchiños de Conciliación” do Plan Corresponsables, e ten como obxectivo sensibilizar á poboación sobre a importancia da igualdade, a conciliación e a corresponsabilidade, recoñecendo a diversidade familiar da nosa sociedade.
A xornada está dirixida a todo tipo de familias, que poderán participar en distintas actividades que terán como fío conductor o Moito que facer a través da súa dobre interpretación: por unha banda os moitos “quefaceres” diarios que deben atender as persoas que coidan e por outra banda o moito que queda lle queda por facer á sociedade para que exista unha verdadeira corresponsabilidade no eido dos coidados.
Programa de actividades:
Praza de Galiza (ou recinto feiral Terra do Queixo en caso de choiva)
16:00 h: Apertura da carpa informativa, con recursos sobre conciliación, corresponsabilidade e coidados. As persoas asistentes poderán acceder a información sobre lexislación vixente e participar nun webinario sobre corresponsabilidade.
16:00 h en adiante: Obradoiros interactivos e xogos para os máis pequenos, onde aprenderán sobre a importancia de compartir responsabilidades no fogar.
18:00 h: Charla formativa e faladoiro sobre o impacto das desigualdades nos coidados e nas estruturas familiares, coa participación de expertos. Os asistentes recibirán un agasallo como agradecemento pola súa participación.
Lucía López, concelleira de Igualdade de Arzúa, resaltou a relevancia desta xornada afirmando que “a corresponsabilidade no fogar é un dos retos pendentes para acadar unha igualdade real e efectiva. Este tipo de iniciativas son fundamentais para concienciar e proporcionar ferramentas ás familias, recoñecendo a diversidade familiar e poñendo en valor o papel das persoas que coidan.”