2 julio, 2024
As «rodas» son un tipo de xacemento de recente descubrimento. No ano 2006, nunha actividade preventiva, documentouse a primeira, «A Roda de Barreiros», inicialmente catalogada como un castro de pequeno tamaño. Durante as escavacións, interpretouse como o primeiro xacemento de tipo henge de Galicia, espertando dende entón este tipo de xacementos grande interese tanto na investigación como na sociedade.
Aínda que persisten controversias sobre a función e o contexto destes sitios arqueolóxicos, actualmente xa se pode abordar a súa cronoloxía, os materiais e as estruturas que albergan, grazas aos oito xacementos escavados parcialmente. Aínda que se pode situar este tipo de xacementos no Bronce Final, esta perspectiva só revela unha pequena parte da súa extensa e complexa historia, que se estende desde a súa construción ata o seu abandono.
Na actualidade, o número de xacementos deste tipo cartografados en Galicia supera os cincuenta, permitindo apreciar patróns de poboamento na rexión.
Nestas xornadas, coordinadas pola USC, preténdese dar a coñecer en detalle cada un dos xacementos escavados, da man das persoas que dirixiron os traballos. Ademais, presentarase preliminarmente unha caracterización territorial destes xacementos. Tamén se ofrecerá a opinión da Administración e da prensa sobre as «rodas» como tema mediático na arqueoloxía galega, e contará coa participación dun especialista procedente de Francia, que achegará un marco comparativo para os nosos xacementos. O obxectivo é crear un foro de discusión construtivo sobre este novo fenómeno monumental na Prehistoria do noroeste ibérico, que quizais podería relacionarse cos cambios que se desenvolveron en Europa entre finais do segundo milenio e mediados do primeiro antes de Cristo.