
Nenas, nenos e adolescentes en Napak, Uganda - Foto Unicef
29 octubre, 2025
UNICEF Comité Galicia e a Xunta de Galicia continúan colaborando para mellorar a protección de nenas, nenos e adolescentes en Napak, o distrito máis empobrecido da subrexión de Karamoja, en Uganda.
Con esta axuda, poderase chegar a zonas que aínda non recibiron apoio, garantindo que todo o distrito conte con servizos de protección. En colaboración co goberno local, organizaranse reunións periódicas con persoas clave do territorio, mellorarase a coordinación entre servizos e apoiarase a aplicación da política nacional de infancia. Estas accións tamén axudarán a planificar mellor como previr e responder ante situacións de trata e explotación sexual.
A nivel comunitario, traballarase directamente con familias, adolescentes e profesionais locais para previr situacións de violencia, abuso e trata. Difundirase un manual de formación para nais e pais, impartiranse talleres sobre habilidades para a vida dirixidos a adolescentes, e formarase a profesionais locais en prevención da violencia de xénero e a explotación sexual. Ademais, asegurarase o acceso a servizos especializados de protección infantil, como o acompañamento psicolóxico e o apoio en saúde mental.
«As prácticas tradicionais nocivas en Karamoja seguen poñendo en risco a seguridade e o benestar de nenas e nenos. A normalización da violencia, o matrimonio infantil, o traballo forzado e a migración temperá teñen consecuencias graves e duradeiras. Previr e actuar a tempo é clave para protexer o seu desenvolvemento», sinalou Irene Marín, coordinadora de UNICEF Comité Galicia.
Aínda que o Goberno de Uganda e os seus aliados realizaron esforzos importantes, Karamoja segue enfrontando unha grave crise humanitaria. Hai escaseza de alimentos, poucas oportunidades educativas e un aumento preocupante de trata infantil. A pobreza, a migración a idades temperás e prácticas tradicionais daniñas como o matrimonio infantil e a mutilación xenital feminina aumentan o risco para as nenas. En Napak, o 85,9 % da infancia vive situacións de pobreza multidimensional, e diversos estudos mostran altos niveis de abuso e risco de explotación sexual.
O proxecto enmárcase no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade e está aliñado co V Plan Director da Cooperación Galega 2023–2026, a Estratexia de Acción Humanitaria da Cooperación Española 2019–2026. Tamén contribúe aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, especialmente ao ODS 5, que promove a eliminación de todas as formas de violencia contra mulleres e nenas, incluída a tratra e a explotación sexual.
Acerca de UNICEF
UNICEF traballa nalgúns dos lugares máis difíciles para chegar aos nenos e nenas máis desfavorecidos do mundo. En 190 países e territorios, traballamos para cada neno, en todas partes, cada día, para construír un mundo mellor para todos.
Para facerte socio, entra en www.unicef.es/hazte-socio ou chama ao 900 907 500