4 julio, 2024
A pegada de carbono e a pegada hídrica dos 62 alimentos máis consumidos en España no ano 2023 ou o coñecemento dos principais grupos nutricionais que compoñen unha dieta equilibrada son algúns dos conceptos sobre os que se sustenta o xogo ‘Come san, come sostible’, unha ferramenta didáctica para que o alumnado de Educación Primaria sexa consciente da importancia que teñen as súas accións para o coidado da súa saúde e, ao mesmo tempo, da protección do medio ambiente e o desenvolvemento sustentable.
Este xunta nunha colaboración interdisciplinar as capacidades dos grupos de Biotecnoloxía Ambiental (Biogroup) do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) e do de Investigación Esculca da Facultade de Ciencias da Educación da USC.
Nesta liña, previo á súa presentación pública realizouse unha proba piloto deste recurso na que participou recentemente o estudantado do dobre Grao en Mestre/a de Educación Infantil e Educación Primaria, nunha actividade dirixida por investigadores do CRETUS e polo profesorado da Facultade de Ciencias da Educación e membros do grupo Esculca.
A idea de crear este recurso educativo xorde a partir dun traballo publicado no 2020 en Education for Chemical Engineers que asinan investigadores de CRETUS, cuxo obxectivo foi fomentar entre o alumnado de Enxeñaría Química a concienciación ambiental cara ao consumo responsable de alimentos así como a redución do desperdicio alimentario.
O equipo do BioGroup foi o encargado da conceptualización do xogo, do deseño tanto da caixa como das fichas e das follas para o cálculo das pegadas hídricas e de carbono, mentres que Esculca elaborou a guía didáctica. A través da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) fixéronse os trámites para rexistrar a propiedade intelectual coa finalidade de lanzalo ao mercado e encargarase das xestións para a súa distribución, polo que os centros interesados xa poden solicitar unidades deste xogo a través de avte@usc.gal.
A partir desa base e en colaboración co grupo Esculca fíxose unha adaptación para a aplicación entre o alumnado de Primaria, que agora toma forma neste novo recurso didáctico a disposición da comunidade educativa que o solicite. A educación para o desenvolvemento sostible en actividades ou seminarios é parte da formación para estudantes de Enxeñaría Química para reforzar o seu compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) incluídos na Axenda 2030, pois segundo lembra o equipo promotor, o desperdicio alimentario non é só unha cuestión ética e económica: esgota recursos naturais limitados e “neste sentido, frear a tendencia crecente de adquisición excesiva de bens que non consumiremos pode ter un efecto importante na redución do impacto ambiental asociado á produción de alimentos”.