Os eurodeputados galegos do PPdeG, Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez, fixeron balance do primeiro ano de lexislatura europea tras a súa vitoria nas eleccións de 2024, destacando os avances acadados en ámbitos clave para Galicia, como a pesca, a agricultura, o sector vitivinícola ou a industria.
“O PP cumpre e, cando cumprimos, Galicia, España e Europa avanzan”, afirmou Millán Mon, quen puxo como exemplo a creación dun comisario específico de Pesca, a rebaixa da protección do lobo e o acordo co Reino Unido que garante o acceso mutuo ás augas ata 2038, achegando estabilidade ao sector pesqueiro galego.
Tamén destacou os avances cara á simplificación da PAC, a redución da burocracia no agro e a industria, e a defensa dos intereses de Galicia en política exterior, como o acordo comercial con Mercosur ou a condena do Parlamento Europeo ao fraude electoral en Venezuela.
Na súa faceta como presidente do Intergrupo sobre Patrimonio Cultural Europeo, Millán Mon celebrou a continuidade desta plataforma parlamentaria que promove os Camiños de Santiago e outras rutas culturais europeas, sendo esta a cuarta lexislatura consecutiva en que se mantén activa.
Defensa do viño galego e da industria
Pola súa banda, Adrián Vázquez puxo o foco no apoio ao sector vitivinícola galego fronte á crise arancelaria, destacando a recente visita a Bruxelas das Denominacións de Orixe e o compromiso europeo con axudas directas á produción e medidas para mellorar a competitividade.
O eurodeputado tamén salientou a designación da Mina de Doade como proxecto estratéxico da UE, como mostra de que a industria é clave para o desenvolvemento económico e o Estado do benestar. Neste sentido, criticou “aqueles que pretenden que volvamos vivir en castros e eliminar calquera rastro de industria”, nunha referencia directa ao BNG, ao que acusou de «engano electoral» nas eleccións europeas por ir da man de ERC e Bildu: “Toda Europa sabe agora que mentiron aos galegos e galegas”.
Galicia en Bruxelas
Ambos eurodeputados destacaron tamén o encontro entre a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e a presidenta do Parlamento Europeo, Roberta Metsola, no que se abordaron as prioridades galegas en Europa.
Con este balance, o PPdeG defende que o seu traballo en Bruxelas está a dar resultados concretos para Galicia, cun compromiso que aseguran manter ao longo da lexislatura para que “os intereses da comunidade estean sempre no centro da axenda europea”.




