
17 octubre, 2025
O Concello de Santiago recupera este curso a súa campaña municipal de animación á lectura, baixo o lema “Ler para crecer”, orientada principalmente á comunidade educativa, mais tamén ao público familiar en xeral, así como a librarías e bibliotecas da cidade. Así o explicou a concelleira de Educación, Míriam Louzao, durante a celebración do primeiro Consello Municipal de Educación deste curso escolar.
O obxectivo principal da campaña é achegar a lectura ás primeiras e primeiros lectores, isto é, a nenas e nenos na franxa de idade en que comezan a ler, implicando a profesorado, librarías, bibliotecas e cidadanía en xeral. As actividades concentraranse especialmente durante o mes de febreiro e parte do mes de marzo, desenvolvéndose nas salas de Afundación, na rúa do Vilar.
A campaña, que se recupera neste mandato e alcanza a súa XX edición, tomará como referencia a obra gañadora da última edición do Premio Compostela de Álbum Ilustrado, titulada “Grande e pequena”, da autora italiana Arianna Squilloni e da ilustradora madrileña Raquel Catalina Ledesma. Segundo sinalou Louzao, trátase de fomentar hábitos de lectura en galego en idades temperás, implicando a todo o entorno das nenas e nenos, tanto no ámbito escolar como familiar.
As actividades previstas inclúen contacontos, ilustración, música e instalacións artísticas, todas pensadas para público familiar e en liña coa idea de que o acceso á cultura é un dereito de toda a cidadanía. Ademais, a programación incluirá exposicións de ilustracións arredor dos álbums gañadores nos últimos anos e encontros con autoras e ilustradoras, así como sesións especiais para bebés e contacontos musicados, organizados en colaboración coa editorial Kalandraka.
Alén da animación á lectura, a concelleira tamén deu conta doutras actuacións recentes en materia educativa, como o novo contrato de conserxería e limpeza dos CEIP, ou obras realizadas durante o período estival, destacando a mellora da cuberta e accesos do pavillón do CEIP Quiroga Palacios, cun investimento de 400.000 euros, e obras de acondicionamento en diversos centros por preto de 300.000 euros.
Ademais, informou sobre o programa Compostela Concilia, de carácter anual, que aumenta o número de prazas, garante o acceso a nenos e nenas con necesidades especiais e facilita a inscrición. Finalmente, destacou outras iniciativas do Concello en colaboración coa comunidade educativa, como os Premios Educacompostela, a programación cultural familiar da Tropa C, e as accións da SELIC para centros educativos.
El rector de la USC, Antonio López; el conselleiro de Educación, Román Rodríguez; el rector de la Universidad de Vigo, Manuel Reigosa; el rector de la Universidad de A Coruña, Ricardo Cao, y el conselleiro de Sanidad, Antonio Gómez Caamaño, tras la reunión mantenida sobre la situación del grado de Medicina, este jueves. EFE