
14 octubre, 2025
O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG) volveu esixir á Consellería do Medio Rural (CMR) a convocatoria inmediata do Consello Agrario Galego, despois de que o pasado 29 de xullo a propia conselleira prometese convocalo en setembro, algo que —segundo denuncian— aínda non se cumpriu.
A organización lembra que xa o 7 de outubro presentara esta demanda formalmente e que, ante o silencio da Consellería, este 14 de outubro decidiu lanzar unha campaña pública protagonizada por labregas e labregos baixo lemas como “Convocatoria do Consello Agrario Galego XA!”, “Medidas eficaces contra a epidemia”, “Onde está o grupo de traballo alerta temperá?” ou “Conselleira antidemocrática, non atende nin escoita as labregas”.
Segundo explicou Brais Álvarez, apicultor e membro da Executiva Nacional do SLG, “os días van pasando e seguimos sen ter novas por parte da Consellería do Consello Agrario que xa nos prometera a propia conselleira e tamén o fixo de xeito público a finais de xullo”.
Álvarez, xunto con Xosé María García, tamén da Executiva Nacional, participou na reunión convocada pola Consellería o pasado 29 de xullo en Santiago de Compostela, na que se abordaron os impactos da futura PAC 2028-2034. A xuntanza foi consecuencia dun escrito presentado polo SLG o 21 de xullo, no que se solicitaba a convocatoria urxente do Pleno do Consello Agrario Galego para debater a proposta da nova PAC e crear unha comisión de traballo que permitise ao sector galego participar nas decisións europeas. Esa petición seguiu ao anuncio feito pola Xunta de Galicia o 18 de xullo, cando avanzou a súa intención de reunir aos axentes do sector primario para facer fronte común ante as novas políticas da UE para o rural e o mar.
O SLG critica que, desde aquela data, o Consello non se convocou e que a situación do sector “foi mudando de maneira preocupante”. A organización advirte agora da posible chegada a Galicia da Dermatose Nodular Contaxiosa, unha enfermidade de categoría A que afecta ao gando bovino e que xa foi detectada en Cataluña, despois de expandirse por varios países da Unión Europea.
“Estamos ante unha ameaza real e altamente preocupante”, asegura Álvarez, quen lembra que a propia Consellería recoñeceu a gravidade da situación nunha carta enviada ás gandeiras e gandeiros galegos. Nela advírtese de que, no caso de detectarse un brote, será obrigatorio o sacrificio inmediato de todos os animais e a destrución dos produtos da explotación.
O Sindicato considera inadmisible que, ante un risco deste nivel, a Consellería non contactase coas organizacións agrarias máis representativas para definir unha estratexia común. “Parécenos unha situación de moita indefensión para as granxas galegas”, engade Álvarez.
O SLG está a celebrar asembleas informativas por toda Galicia para explicar aos labregos e labregas a situación da PAC e os riscos sanitarios que afectan ao sector. A organización insiste en que é imprescindible previr antes de que aparezan os primeiros casos da enfermidade no país.
“Demandamos que a Consellería convoque xa o Consello Agrario Galego para tratar os temas que realmente preocupan ao sector primario e deixe de enviar cartas que botan balóns fóra”, subliña o representante do Sindicato Labrego.
Para o SLG, tanto a nova PAC como a Dermatose Nodular Contaxiosa son cuestións de máxima urxencia que deben abordarse con transparencia e participación. “A Consellería segue sen escoitar ao sector; escoita só a quen ela considera”, lamenta Álvarez. “Se esta situación continúa, teremos que buscar outras vías para facer que a voz das labregas e labregos de Galicia sexa realmente escoitada”.