28 octubre, 2024
O Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) e a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) da Xunta de Galicia inician a nova edición do proxecto lúdico-educativo «EU SON INSPECT@R URBANISTIC@. COIDA DO TERRITORIO. COIDA DO TEU» para o curso lectivo 2024/2025. Esta iniciativa busca achegar ao alumnado galego á súa realidade territorial e continuar coas actividades desenvolvidas desde o curso 2019-2020.
Ao longo do curso, programaranse até 30 actividades dirixidas a alumnado de educación infantil, primaria, secundaria e 1º de bacharelato. Estas actividades, que contarán coa supervisión de inspectores e subinspectores da APLU, teñen como obxectivo principal sensibilizar e formar aos nenos e nenas en relación co medio ambiente, a intervención e a ordenación do territorio. A través da análise dos elementos que compoñen o seu contorno, os estudantes aprenderán sobre conceptos como a paisaxe, o patrimonio construído, as infraestruturas, o cambio climático e a pegada ecolóxica.
A aprendizaxe será transversal, servindo como base fundamental para que as futuras xeracións poidan realizar un uso sustentable e responsable do territorio. Este ano, como novidade, os estudantes de secundaria e bacharelato terán a oportunidade de visitar as instalacións da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística en Santiago, permitindo así coñecer de primeira man o labor de inspección e as ferramentas que facilitan un análise máis profunda do territorio.
O prazo de preinscrición para participar nestas actividades estará aberto desde hoxe, 28 de outubro, até o 10 de novembro, a través dun formulario web que será remitido aos centros educativos nos vindeiros días.
Ademais, a colaboración entre o ProxectoTerra e a APLU ampliarase co concurso «Amosando e protexendo o noso territorio», que se abrirá nos primeiros meses de 2025. Esta actividade permitirá ao alumnado desenvolver habilidades de observación, análise e crítica en relación co territorio, fomentando así unha maior conciencia e apreciación dos espazos que habitan.
O ProxectoTerra, en colaboración coa Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e a Consellería de Educación, Ciencia, Formación Profesional e Universidades, ten como finalidade mellorar a formación do alumnado galego sobre os espazos e lugares que habitamos, contribuíndo á formación dunha cidadanía máis informada e comprometida co seu entorno.