
15 octubre, 2025
O colectivo de docentes do Profesorado Especialista en Sectores Singulares da Formación Profesional (PESSFP) fixo entrega este mércores á Directora Xeral de Formación Profesional, Dª Eugenia Pérez, dun escrito acompañado de máis de 1.400 sinaturas en demanda dun recoñecemento salarial equitativo. O documento, remitido tamén á Consellería de Educación por Rexistro Xeral e por correo electrónico, solicitaba unha reunión coa administración para abordar a situación de discriminación que estes docentes denuncian.
Segundo expón o escrito, o profesorado especialista comparte co resto do profesorado de FP –nomeadamente cos Profesores de Educación Secundaria (PES) e cos Profesores Técnicos de Formación Profesional (PTFP) a extinguir– idénticas atribucións, alumnado, obrigas e responsabilidades. A diferenza, segundo denuncian, reside no salario, que é máis de 152 euros inferior ao percibido polos seus compañeiros.
Ata o de agora, a Consellería de Educación non respondeu nin ao Conselleiro nin a ningunha das persoas ás que se solicitou a xuntanza, motivo polo que o colectivo reafirma a súa intención de continuar coas mobilizacións e accións reivindicativas ata que se corrixa esta desigualdade.
Ademais, o profesorado especialista advirte que, de non resolverse a situación, podería optar por non participar en actividades complementarias de carácter voluntario a partir do curso 2026-2027, como skills, xornadas, formacións, programas de innovación (FP Innova), acreditación de competencias ou docencia en cursos AFD, limitándose exclusivamente ás tarefas docentes estritamente obrigatorias.