12 septiembre, 2024
O Museo do Gravado de Artes (Ribeira), continuando co seu labor divulgador da estampa presentan nesta ocasión no Museo da Construción Naval de Ferrol a serie de Litografías editada en 1968 polo Club de la Estampa de Buenos Aires titulada Variaciones sobre el Grabado. O conxunto editado no ano 1968, está formado por 2.000 carpetas nas que participaron 25 artistas, cada un cunha estampa. Este autodenominado club foi promovido por Albino Fernández, co propósito de agrupar nel aos artistas do gravado arxentinos, incrementar o coñecemento e valorización do feito gráfico, e promover a difusión do gravado e a creación de coleccións especializadas.
Entre os artistas atopamos dous nomes destacados na arte do noso país: Laxeiro e Luís Seoane. Ámbolos dous formaran parte en Galicia do Movemento dos Renovadores, denominado así debido á mudanza que fixeran do panorama artístico fronte ao rexionalismo propio da época.
Seoane, fillo nado de emigrantes galegos en Bos Aires, sempre mantivo a súa relación coa cidade porteña á que tivo que regresar logo do estalido da Guerra Civil Española no ano 1936. Durante esta época participará, xunto ao grupo de artistas arxentinos que compón este conxunto expositivo, en diversas exposicións e bienais, logrando acadar diversos premios que colocaron a estos gravadores no panorama internacional. Cabe destacar a serie 9 Xilógrafos Argentinos da que o artista formará tamén parte.
Por outra banda Laxeiro, nado en Lalín, viaxou a Bos Aires por motivo da exposición Artistas Gallegos coordinada polo propio Luis Seoane no Centro Gallego da cidade, para xa establecerse alí case vinte anos. Neste período desenrola gran parte da súa produción, dedicándolle xusto antes de volver ao seu país natal, unha grande retrospectiva na Art Gallery International de Bos Aires. Tanto Laxeiro coma Seoane colaboran aquí con obras onde recoñecemos perfectamente o seu estilo, sempre en referencia á cultura popular.
O total de artistas litógrafos que compoñen esta serie son: Carlos Alonso, Eduardo Audivert, Líbero Badii, Luis Oreste Balduzzi, Luis Barragan, Adolfo Bellocq, Juan Bordalejo, Carlos Cañas, Héctor Capurro, Juan Carlos Castagnino, Carlos de la Mota, Alfredo de Vicenzo, Albino Fernández, Roberto González, Horacio Juárez, Naum Knop, José Otero Laxeiro, Aurelio Macchi, José Manuel Moraña, Norberto Onofrio, Antonio Pujia, José Rueda, Luis Seoane, Abel Bruno Versacci e Daniel Zelaya.
Ademais, esta carpeta inclúe un texto introdutorio de Leonardo Estarico onde se realiza unha análise filosófica da imaxe en relación coa historia do ser humano e coa propia historia do gravado. A mostra poderá visitarse do 13 de setembro ao 6 de outubro de 2024.