10 septiembre, 2024
O Foro Galego de Inmigración ven de presentar un documento de alegacións ao Novo Regulamento de Estranxeiría, en fase de audiencia pública ata o 10 de setembro, xa que non resolve a falta de dereitos básicos do Colectivo, nin pode cambiar a terrible política de fronteiras.
As principais alegacións, son:
1.Os novos tipos de arraigos recollidos no borrador, non resolven un problema fundamental que son as situacións de irregularidade administrativa. Non debemos permitir que se den situacións de persoas que carecen de dereitos fundamentais, por iso suxerimos o establecemento dunha autorización inicial de residencia automática que se poida solicitar no momento en que se recibe unha oferta de traballo independentemente do tempo de residencia irregular e que permita traballar de forma inmediata. Existe experiencia noutros países da UE neste sentido . É importante, que o borrador do novo Reglamento de Estranxeiría non obrigue a vivir na economía sumerxida e a expensas de abusos e explotación ás persoas que veñen residir a España na procura de novas oportunidades laborais, sociais, …
2.Outro elemento que non resolve o borrador é a necesidade de simplificar de forma substancial as autorizacións de residencia, nesa liña propoñemos un único tipo de autorización de residencia para persoas de orixe estranxeiro non comunitaria que elimine os tipos actuáis(non lucrativas, residencia sin traballo, por conta allea ou propia, etc) e que permita sempre traballar. En todo caso pode manterse unha autorización de estancia por estudos, pero que tamén permita traballar sin condicións específicas.
3.Na liña do apartado anterior, as autorizacións iniciais de residencia independentemente do tipo – que debería ser único- terían que establecerse por un período de dous anos , pasando a un modelo de renovación 2+4+permanente. Isto facilitaría os primeiros anos de residencia da persoa estranxeira que son os máis complicados para asentarse socio-laboralmente e ademáis contribuiría a reducir o acceso a citas administrativas e o atraso dos expedientes , que hoxe son un problema terrible para a poboación estranxeiría no Estado Español.
4.O borrador do novo Regulamento de Estranxeiría crea a Autorización de Residencia Temporal de Familiares de Español. Elimina a figura do Arraigo Familiar. Este cambio non debe supoñer, como parece, unha maior restricción para as ascendentes de persoas con nacionalidade española.
5.Outro aspecto fundamental sería a obriga da administración competente de resolver en prazo os expedientes administrativos de estranxeiría. O mecanismo debería automatizar que si se superan os 3 meses dende a presentación do expediente, sexa do tipo que sexa, entenderase concedido, de tal xeito que na mesma copia do expediente presentado figure que na data na que se cumpre o período de 3 meses, entenderase por resolto favorablemente para o cidadán que realiza a tramitación no caso de que non haxa resposta administrativa.