
Presentacion do informe de visados do COAG.
8 julio, 2025
O Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) presentou hoxe o seu informe sobre a Evolución do visado de vivendas de nova planta no período 2019-2024, que revela a tramitación de 17.933 vivendas en Galicia nos últimos seis anos, das cales 8.415 foron vivendas colectivas e 9.518 unifamiliares. O ano 2024 supuxo un fito, con 3.484 vivendas visadas, a cifra máis alta da última década. Ademais, o primeiro semestre de 2025 apunta a un novo incremento: un 19 % máis de visados, cunha suba do 26 % na vivenda colectiva e do 6 % na unifamiliar.
O decano do COAG, Luciano Alfaya, e a secretaria da Xunta de Goberno, María Pierres, presentaron os datos esta mañá nun acto celebrado na sede colexial da Praza da Quintana, en Santiago. Alfaya reivindicou o papel do COAG como fonte fiable e esencial de información urbanística e construtiva, animando á cidadanía, ás administracións e aos sectores produtivos a utilizar estes datos para planificar con criterio a medio e longo prazo.
O informe contextualiza a evolución da vivenda en Galicia nun panorama internacional marcado por crises sucesivas: a pandemia da COVID-19, o bloqueo da canle de Suez, a guerra en Ucraína ou o conflito en Gaza. Estes eventos, segundo Alfaya, alteraron as cadeas de subministro e os custos dos materiais, o que afectou directamente á actividade construtiva.
Así, tras un repunte dos visados nos anos 2021 e 2022, a vivenda colectiva caeu en 2023, perdendo un 31 % do incremento previo, posiblemente debido aos retardos administrativos e á conxelación de investimentos derivadas da pandemia. Porén, en 2024 rexistrouse unha recuperación notable, cun 40 % máis de vivendas colectivas visadas respecto da media dos cinco anos anteriores, malia que os prezos dos materiais se dispararon cunha media de subida do 29 % e picos de ata o 70 %.
No caso da vivenda unifamiliar, o informe atribúe o crecemento de 2020 a 2022 ao chamado «efecto pandemia», mentres que a súa redución posterior se explica polos elevados custos construtivos.
Por provincias, A Coruña lidera o visado de vivenda con 8.532 unidades (4.072 colectivas e 4.460 unifamiliares), seguida por Pontevedra con 6.814, Ourense con 1.297 e Lugo con 1.290. A análise comarcal revela que o eixo atlántico, xunto ás sete cidades galegas e as cabezas de comarca, concentran a maior parte da actividade, cun crecemento nos concellos limítrofes.
Alfaya advertiu dunha fenda importante entre o volume de vivendas visadas e o tipo de vivenda realmente dispoñible. Segundo datos do Observatorio da Vivenda de Galicia, a vivenda protexida non supera o 5 % do total construído, un dato preocupante para garantir o acceso á vivenda nun contexto de alta demanda.
Tamén puxo o foco nas vivendas que non chegan a rematarse: segundo o decano, máis de 50.000 vivendas visadas antes de 2020 non se finalizaron, na súa maioría por mor da crise económica. A media actual entre o visado e o remate dunha obra é de tres anos, o que dificulta unha resposta áxil á demanda social.
O informe revela que, malia o repunte recente, a actividade construtiva actual está moi lonxe dos niveis previos á crise inmobiliaria. As vivendas visadas en 2024 son un 164 % máis que en 2014, pero apenas representan o 10 % das visadas en 2004 e o 20 % das de 1994. Para Alfaya, “non se albiscan trazas de recuperación do volume construtivo anterior. No mellor dos casos, estamos creando arredor do 15 % das vivendas que se promovían nos anos máis baixos da burbulla”.
Foto de archivo con el director artístico del Festival de Sanremo, Amadeus (izda), el músico italiano Beppe Vessicchio (3-izda) con miembros de la banda italiana Le Vibrazioni y la cantante Sophie Scott (3-dcha) de la banda británica Sophie and The Giants en el escenario del teatro Ariston durante el 72º Festival de la canción Italiana de Sanremo, en Sanremo, Italia, 04 de febrero de 2022. EFE/EPA/Riccardo Antimiani