30 septiembre, 2024
O circuíto de cinema galego Ciclo Mestre Mateo inclúe por primeira vez na súa programación as curtametraxes finalistas dos Premios Mestre Mateo. A través dun acordo entre o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA), a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e a Academia Galega do Audiovisual (AGA), as nove curtas finalistas na pasada edición dos premios serán proxectadas en 24 concellos rurais de Galicia que non contan cunha oferta comercial de cinema.
A primeira destas proxeccións terá lugar o vindeiro 3 de outubro no cine Alfonsetti de Betanzos. O programa, dividido en dúas sesións, incluirá tanto curtametraxes de animación como de imaxe real. Os títulos que se poderán ver inclúen:
Antes de que se poña o sol (Ficción, Nani Matos),
Illa Cordura (Animación, Mario Fernández Filloy),
In Half (Animación, Jorge Morais),
Nena (Ficción, Xosé A. Touriñán e Jairo Iglesias),
O coidado (Ficción, Miguel Canalejo),
O monstro e a nena (Animación, Jorge J. Costas),
O neno sardiña (Ficción, Lucía Estévez),
To bird or not to bird (Animación, Martín Romero),
Ulises (Ficción, Félix Brixel).
A inclusión das curtametraxes no ciclo é unha iniciativa que promove a accesibilidade á cultura no rural e destaca o valor das curtas como espazo de experimentación e descuberta de novos talentos. Para Miguel Canalejo, director da obra gañadora á Mellor Curtametraxe de Ficción na última edición dos Premios Mestre Mateo, este avance «supón un impulso necesario para dar visibilidade ás novas voces do noso audiovisual». Tamén resaltou o reto que supón producir e exhibir curtas, un formato esencial para os cineastas en Galicia.
A programación do Ciclo Mestre Mateo, que xa conta con longametraxes e documentais galegos, verá reforzada así a súa oferta. Martín Romero, director da curtametraxe de animación premiada To bird or not to bird, considera «lóxico e necesario» que as curtas formen parte deste circuíto, dada a súa exclusión dos espazos comerciais habituais, tanto en salas de cine como en televisión. Romero tamén anima ao público a achegarse ás curtas, destacando a súa capacidade para experimentar e ofrecer propostas frescas e innovadoras.
Este ciclo, que vai no seu terceiro ano de vida, ofrece unha das mellores plataformas de exhibición para a produción galega, tanto en formatos curtos como longos.