9 agosto, 2024
O Noia Harp Fest despedirase mañá da súa 11ª edición con tres concertos de altura que terán lugar en dous espazos emblemáticos da localidade coruñesa: o Claustro de San Francisco e a Praza do Tapal. O virtuoso percusionista senegalés Momi Maiga, a francesa Camille Levecque e os bretóns Descofar porán o ramo ao Festival Internacional de Arpa Vila de Noia con tres actuacións que, sen dúbida, quedarán na memoria do público asistente.
A xornada comezará ás 19:00 horas coa estrea do Claustro de San Francisco (Casa do Concello) como nova sede do Noia Harp Fest, que acollerá o recital da intérprete francesa Camille Levecque. Levecque, quen xa formou parte do cartel en 2017 co espectáculo infantil e xuvenil «El arpicuento», ofrecerá nesta ocasión un concerto íntimo, con entrada libre ata completar a capacidade do espazo. O público terá a oportunidade de coñecer de preto o traballo desta recoñecida arpista, que ademais de actuar nas mellores salas europeas con formacións orquestrais, tamén colaborou con artistas como Mike Oldfield, Hélène Grimaud ou Benoit Fromanger.
Xa pola noite, a partir das 21:00 horas, a emblemática Praza do Tapal acollerá dous directos, tamén con acceso gratuíto, nunha noite marcada pola experimentación e pola estrea en Galicia dos seus protagonistas. A sesión comezará con Descofar, un trío bretón que se define como “un híbrido do alento melódico da música bretoa, a potencia do post-rock compacto e a intensidade inmediata da improvisación”. A banda de Brest transita da disonancia ao lirismo, e dos arpexos brillantes aos riffs ruidosos, todo coa intención de reivindicar a emoción a través do son. O seu primeiro LP, «Chimera» (2022), mestura temas orixinais, composicións tradicionais e cultura rock, garantindo un espectáculo cheo de movemento.
Para pechar o 11º Noia Harp Fest, chegará o debut en Galicia do cantante e intérprete senegalés afincado en Cataluña, Momi Maiga. Este virtuoso da kora e atrevido compositor presentará o seu primeiro disco, «NIO», no que combina jazz étnico, flamenco e os sons das súas raíces mandinka. A partir das 22:00 horas, os sons da kora, do violín, do violonchelo, da percusión e da voz (Maiga canta principalmente en mandinka e wólof) ofrecerán unha viaxe sonora espectacular entre os límites da creación musical contemporánea e a tradición oral de Senegal.