23 junio, 2024
As medianas e grandes empresas con actividade na nosa comunidade superan a media estatal no uso da intelixencia artificial. O 11,1% das empresas de 10 ou máis persoas empregadas utilizan IA, 1,5 puntos máis que o conxunto do Estado. As solucións de IA máis empregadas neste segmento empresarial son as de automatización de fluxos de traballo ou axuda na toma de decisións.
Estes datos sobre o emprego de tecnoloxías disruptivas recóllense no informe «Galicia. A economía en dixital. A Sociedade da Información nas Empresas de Galicia», correspondente ao ano 2023, publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
O informe tamén destaca que a compra de servizos de Cloud Computing nas grandes empresas con sede en Galicia sitúase por riba do 24%, sendo aínda máis frecuente nas empresas con actividade en Galicia, co 31%, e iguala practicamente á media estatal.
Así, a dixitalización empresarial reflíctese na contratación de perfís tecnolóxicos. Unha de cada cinco empresas de 10 ou máis empregados con actividade en Galicia contrata especialistas TIC. Os perfís tecnolóxicos máis demandados polas grandes empresas son os especialistas en datos e ciberseguridade. Os expertos en datos aparecen no 12,3% das empresas de 10 ou máis traballadores con actividade en Galicia, e os especialistas en ciberseguridade no 10,4%.
O 54,6% das empresas galegas de 10 ou máis empregados/as con actividade en Galicia que contan con perfís TIC, empregan mulleres especialistas TIC.
Por outra banda, as cifras de vendas mediante comercio electrónico mantéñense en porcentaxes moi similares ás do ano anterior. Destaca o aumento de máis dun 25,5% na porcentaxe de empresas de 10 ou máis traballadores con sede en Galicia que realizan vendas, pasando do 20,8% ao 26,1%.
O uso de páxina web mantense estable tanto nas empresas galegas como nas estatais. O 77,7% das empresas con sede en Galicia de 10 ou máis empregados teñen web propia, mentres que a media estatal é do 78,5%.
Nesta liña uso de medios sociais sitúase no 28% nas empresas de 0 a 9 traballadores e no 65,5% nas empresas de 10 ou máis empregados con actividade en Galicia. Ademais, durante o ano 2023, o 27,6% das empresas de 10 ou máis empregados con actividade en Galicia pagaron por anunciarse en Internet.
Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative Commons e están dispoñibles na web do Observatorio.