
29 octubre, 2025
Conclúen esta mañá os peches reivindicativos que unha representación docente protagonizou desde media tarde de onte nas catro capitais de provincia, en Ferrol e en Moaña. Nalgún caso comezaron mentres aínda había actividade lectiva no centro, como no IES Valle Inclán de Pontevedra. Noutros, como en Ourense tiveron visita policial e na maioría houbo chamada da inspección educativa ou incluso da dirección territorial pero en todos se desenvolveron con normalidade e sen ningunha incidencia. Trátase dunha acción de protesta máis, enmarcada nas dúas xornadas de folga convocadas pola CIG e STEG, coa que os promotores pretendían chamar a atención tanto dos medios de comunicación como da sociedade en xeral a través das redes sociais, así como apelar á Consellaría desde os propios centros de ensino a que rectifique dunha vez e permita que o profesorado recupere os dereitos perdidos nos últimos 15 anos de recortes e que se vexa recoñecido profesional e laboralmente.
Despois da manifestación na que unha multitude volveu rodear San Caetano durante a mañá de onte, estes peches -celebrados no CEIP Alborada Coruña, no IES de Catabois en Ferrol, no IES Lucus Augusti en Lugo, no CEIP Amadeo R. Barroso en Ourense, no IES Valle Inclán en Pontevedra e no CEIP Reibón en Moaña- tamén contaron ao longo da tarde coa presenza de moito profesorado que colaborou na elaboración de faixas para as mobilizacións previstas para hoxe e que debateu sobre a súa situación nas aulas e sobre novas medidas de protesta a realizar se a Consellaría segue sen dar ningún paso decisivo.
Tal e como lembraba onte a secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, en declaracións aos medios «todo o anunciado estes días arredor dos orzamentos para 2026 polo conselleiro é mera propaganda porque a cifra de profesorado que aparece no capítulo I de persoal nesas partidas segue sendo exactamente a mesma que nos últimos 4 anos, permanece conxelada en 34.424». Ademais, sobre o anuncio de 1.500 prazas para as oposicións, indicou que se trata «exclusivamente de substituír o persoal que se xubila ano tras ano e que pasa das 1.000 persoas.
O resto sabemos todos e todas e sábeno as persoas opositoras que son prazas de promoción interna que nunca se cobren ou que se acumulan despois de que quedaran vacantes nas oposicións de 2025, no que se bateu o récord de vacantes desertas cun 33% do total das ofertadas. Todo é fume e o profesorado sábeo, e o único motivo polo que o conselleiro se afana en dar estas cifras é para neutralizar a folga», destacou Arroxo que participou no peche no IES Lucus Augusti de Lugo.
Manifestacións esta mañá até as Delegacións Territoriais
Na segunda xornada de folga continúan as mobilizacións esta vez descentralizándoas até as catro capitais de provincia, respondendo á demanda de moito profesorado que non pode desprazarse a Compostela. Nalgún caso aprovéitase a proximidade dos centros nos que produciron os peches para saír desde ese punto, tanto como continuidade á acción reivindicativa desta noite como para simbolizar que se levan as demandas desde os colexios e institutos directamente até a sede administrativa da Consellaría de Educación. Todas as manifestacións sairán ás 11:30 e rematarán arredor das 12 do mediodía cunha lectura dun manifesto. Os puntos exactos de saída son:
A Coruña: CEIP Alborada (Rúa San José de Calasanz, n° 5)
Lugo: Praza Horta do Seminario, próxima a varios centros educativos
Ourense: Delegación Territorial da Consellaría (pola distancia ao centro no que se desenvolveu o peche a concentración será circular)
Pontevedra: IES Valle Inclán, no Paseo de Montero Ríos.