
14 octubre, 2025
Galicia volve poñerse en flor grazas á oitava edición do movemento Vilas en Flor, que este ano suma a un total de 41 concellos das catro provincias galegas. A iniciativa, que promove a Fundación Juana de Vega xunto con Asvinor e Agaexar, busca recoñecer o esforzo dos gobernos locais na xestión sostible dos espazos verdes, a educación ambiental e a concienciación cidadá, seguindo o modelo de programas similares en Aragón, Canarias, Cataluña e Valencia, así como en países como Francia, Italia, Reino Unido, Irlanda ou Canadá.
Nesta edición, os expertos xa están a percorrer os municipios para avaliar os traballos realizados durante o último ano. Entre os aspectos valorados destacan o coidado do patrimonio vexetal e paisaxístico, o respecto polo medio ambiente e a sostibilidade, o uso social dos espazos e a integración destes no turismo local.
Por provincias, os concellos participantes son:
A Coruña (13): Abegondo, Arteixo, Carballo, Culleredo, Curtis, A Laracha, Oza-Cesuras, Ponteceso, As Pontes, Sada, San Sadurniño, As Somozas e Vimianzo.
Pontevedra (20): As Neves, Caldas de Reis, Cambados, Cuntis, A Estrada, A Guarda, Lalín, Marín, Mondariz, Mondariz Balneario, Mos, Ponteareas, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Covelo, Tomiño, Sanxenxo, Tui e Vilagarcía.
Lugo (2): Chantada e Sarria.
Ourense (6): Allariz, O Carballiño, Leiro, Manzaneda, A Pobra de Trives e San Xoan de Río.
Todos os concellos participantes teñen menos de 40.000 habitantes e aspiran a recibir ata un máximo de cinco Flores de Honra, o galardón que recoñece o seu compromiso coa calidade ambiental e paisaxística.
A entrega dos premios Vilas en Flor 2025 celebrarase o venres, 14 de novembro, en Carballo (A Coruña), que o ano pasado logrou acadar catro Flores de Honra.
O xurado está formado por un equipo multidisciplinar de expertos, entre os que se atopan biólogos, enxeñeiros agrónomos, técnicos de medio ambiente, arquitectos e especialistas en arboricultura, procedentes de universidades, empresas e administracións locais. Entre eles destacan María Isabel Iglesias Díaz, Carlos Cárcamo Álvarez, María Natividad Gilsanz Mosquera, Camino Nicolás Velado, Silvia V. Caffaro, Xurxo Xoán González Conde ou Francisco J. González Abuín, entre outros.
As visitas de avaliación dos expertos comezaron o pasado 3 de outubro e prolongaranse ata finais de mes, percorrendo de luns a venres concellos das catro provincias para analizar sobre o terreo as melloras e iniciativas implementadas.
O movemento Vilas en Flor en Galicia conta co patrocinio da Consellería de Medio Ambiente, a través do Instituto de Estudos do Territorio, así como de empresas do sector ambiental como Husqvarna, Makita e Rain Bird, reforzando así a aposta pola sostibilidade e a calidade dos espazos verdes en concellos de tamaño medio e pequeno.