
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor (e), entrega o Premio Ourensanía 2025 ao douctor Rafael López (d), xefe do servicio de Oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, hoxe luns, no Teatro Principal. EFE // Brais Lorenzo
10 noviembre, 2025
O Teatro Principal de Ourense acolleu hoxe o acto de entrega do Premio Ourensanía 2025 a Rafael López López, xefe do Servizo de Oncoloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, pola súa profunda e constante vinculación coa provincia.
O presidente da Deputación, Luis Menor, puxo en contexto o Premio Ourensanía subliñando que este galardón é unha homenaxe ás persoas que co seu traballo, esforzo e compromiso fixéronse merecentes do recoñecemento desta provincia, distinguindo “esa identidade tan propia”.
Nesta liña, Luis Menor destacou que Rafael López recibe este premio como “recoñecemento a túa valía e ao orgullo das túas orixes”, e coa intención de que “sintas que a provincia che está a devolver un pouquiño do moito que ti tes entregado aos demais”.
O presidente provincial fixo un repaso pola traxectoria persoal de Rafael López, nado en Vilamartín de Valdeorras, sinalando que “non perdiches a esencia de quen es”, unha persoa cuxo “único e principal motor é salvar vidas, non buscar recoñecementos”.
O galardoado encarna o espírito que define aos ourensáns, ao ser quen de “compaxinar unha carreira profesional de éxito coa humildade que tanto o caracteriza”, salientou Menor, quen lembrou que as súas orixes familiares xa deixaron nel unha fonda pegada e arraigo pola nosa terra.
Sobre a carreira profesional do premiado, Luis Menor afirmou que seguirá a ser “protagonista na historia de moitas persoas e na historia de moitos avances clínicos que, estou seguro, están por chegar”. Así, Rafael López “encarna a esencia deste galardón porque sentimos orgulloso, como pobo, de contar cun ourensán que rescata vidas desde a investigación médica”. Un labor que exerce desde Santiago, pero coas “portas sempre abertas aos ourensáns que o precisen”.
Desexou que este merecido recoñecemento sexa “unha nova inspiración e motivación para seguir avanzando na túa maior meta na vida: na loita contra o cancro e na mellora da calidade de vida das persoas”.
Ourense, “unha identidade que nos acompaña alí onde vaiamos”
Tras recibir o Premio Ourensanía 2025 -representado nunha escultura de bronce do artista Xosé Cid-, Rafael López agradeceu a oportunidade que lle brinda esta distinción para “volver mirar á miña terra co corazón na man, con emoción”, aínda que tamén con tristura logo da vaga de lumes deste verán. Afirmou que o galardón é un orgullo á hora de representar á provincia, porque en Vilamartín aprendeu “o valor do esforzo cos meus pais e que a terra dá froitos se se coida, se respecta e se ama”.
Con palabras para a súa outra paixón, a familia, tamén recolleu na súa intervención as palabras de Otero Pedrayo, “Galicia é unha patria que se leva na alma”, para engadir que “Ourense, no corazón” porque esta terra é “unha forma de estar no mundo, unha identidade que nos acompaña alí onde vaiamos”.
Dirixiuse á mocidade para que opte polo “esforzo e o talento”, entendendo que o fracaso “forma parte do camiño e da aprendizaxe”. Un futuro que deben escribir sen “esquecer as súas raíces” afirmando que ser ourensán é “levar nos xenes o esforzo, a esperanza e a dignidade”.
Cada avance contra o cancro, cada investigación, cada logro, “leva consigo o orgullo de representar a esta provincia”, engadiu o premiado, que tivo palabras de agradecemento para as súas compañeiras e compañeiros “que compartiron comigo ideas, esforzos, noites sen durmir, ilusións e tamén decepcións”.
Rafael López finalizou facendo un chamamento á aposta pola investigación e innovación asegurando que é “o único camiño” para poder mellorar a calidade de vida das persoas, así como a única vía para asegurar a “sustentabilidade da nosa sociedade” porque “a ciencia é unha necesidade, non un luxo”.
No acto celebrado esta tarde participaron tamén Agustín Fernández, amigo da infancia, e Jesús García Mata, xefe do Servizo de Oncoloxía do CHUO, para achegar desde a súa propia experiencia detalles da personalidade e profesionalidade do galardoado. Ademais, estiveron presentes no acto a través dun vídeo Marisol Soengas e Mariano Barbacid, dous recoñecidos investigadores en oncoloxía.
A gala contou cun apartado musical, a cargo do cantante e compositor ourensán Borja Quintela, e a participación da Real Banda de Gaitas da Deputación que pechou o acto co himno galego.
Traxectoria profesional
Rafael López López, ademais de Xefe do Servizo de Oncoloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, é director do Grupo de Oncoloxía Traslacional do IDIS e coordinador da área de cancro de Oncomet, e Catedrático da Facultade de Medicina da USC.
Cabe destacar na súa dilatada carreira profesional que foi precisamente a súa iniciativa en ONCOMET onde o seu liderado se converteu en decisivo para facer investigación contra o cancro en Galicia, contribuíndo a que hoxe sexa unha referencia a nivel nacional e internacional.
Rafael López presidiu a Sociedade Galega do Cancro, contribuíndo tamén á Estratexia Galega contra o Cancro, sendo actualmente presidente de ASEICA. A súa impagable pegada no eido sanitario tamén é froito do traballo que realiza no ámbito da investigación, líder en España en biopsia líquida, na que puxo tanto empeño e na que grazas ao seu esforzo é hoxe unha realidade nos hospitais galegos, ademais de proxectos centrados no estudo e tratamento da metástase.