
Roque Rodríguez Soalleiro, catedrático no departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC
18 noviembre, 2025
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Lugo, coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago, teñen en marcha as “XXXVI Xornadas Luis Asorey”. Esta edición céntrase na situación actual e os retos aos que se enfronta o sector forestal galego, a través dunha serie de conferencias gratuítas que se están a desenvolver no salón de actos da Deputación de Lugo, de 19:00 a 21:00 horas. A inscrición neste ciclo, no que tamén se pode participar de xeito online, é gratuíta.
A conferencia de mañá mércores tratará sobre as opcións silvícolas para o carballo en Galicia. Impartiraa Roque Rodríguez Soalleiro, catedrático no departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Universidade de Santiago. Partindo do refrán tradicional galego “En bosque pequeno non hai carballos”, o experto abordará as posibilidades que existen para a valorización e conservación destes bosques, co fin de obter produtos e servizos de xeito sostible e rendible.
Rodríguez sinala que as mellores condicións para unha xestión racional das carballeiras danse en montes públicos, en especial nos incluídos no Catálogo de Montes de Utilidade Pública, que en Galicia están moi pouco representados. A representación das carballeiras nos montes veciñais en man común ten certa relevancia, pero son os montes de particulares os que acollen una maior superficie desta especie. “O problema é que a estrutura da propiedade destas carballeiras privadas supón unha limitación para a súa correcta xestión, xa que se trata de parcelas pequenas, con dificultade de comercialización da madeira”, indica. Así, tal como apunta o catedrático, a Administración está a fomentar diferentes opcións para intentar solventar esta situación: por un lado está a declaración de masas consolidadas de frondosas, con axudas para a xestión de formacións de frondosas cunha extensión mínima de 15 hectáreas; ademais, vanse ofrecer axudas para impulsar as agrupacións forestais.
Segundo os datos recollidos no Plan estratéxico de frondosas da Consellería do Medio Rural, en Galicia hai unhas 250.000 hectáreas de carballeiras, que supoñen un importante recurso madeireiro e que se quere poñer en valor. “No caso das carballeiras particulares, ao seren tan pequenas, é practicamente imposible facer cortas selectivas que permitan un ingreso económico, xa que, se queremos producir madeira de calidade, as intervencións teñen que ser suaves. Unha das solucións a este problema é a agrupación e xestión conxunta dos montes” -apunta o profesor-.
Un proxecto con resultados prometedores
“O reto é facer unha xestión nas carballeiras que permita obter un produto que se poida comercializar” -afirma Rodríguez-. Nesta liña, pon de relevo os resultados obtidos no marco do proxecto de valorización das frondosas en Galicia. Explica que un equipo de investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago (campus de Lugo) está a intervir na carballeira de Labio, en Lugo, un monte veciñal en man común que mantén un convenio coa Xunta de Galicia. Neste espazo instalouse un marteloscopio, unha parcela forestal dunha hectárea, empregada como ferramenta de aplicación de xestión forestal sostible, e para a práctica de técnicas de marcaxe e aproveitamento de madeira, co obxectivo futuro de obter madeira de calidade.
Neste proxecto seleccionáronse árboles de porvir (os que non se cortan), co obxectivo de facer unha corta selectiva no seu beneficio, elixindo os exemplares que se deben extraer para reducir competencia e concentrar o crecemento futuro en árbores dos que se poden obter productos de calidade, en particular madeira de serra para travesas, carpintería, construción ou dovelas para barricas. “Despois de tres anos da corta, vemos como medraron as árbores de porvir e os resultados son moi positivos. Córtanse os que teñen menos capacidade de medrar para que non afecten ao crecemento do resto. Entón, ao facer unha corta suave (de pouca intensidade) pero nunha superficie grande, o lote de madeira pódese comercializar e obter un beneficio, se ben o destino da madeira extraída é predominantemente de leña” -manifesta Rodríguez-.
O profesor da Universidade de Santiago salienta que a industria madeireira galega está a demandar madeira de carballo, pero, ante a carencia de madeira de calidade na nosa comunidade, estana a mercar fóra de España, polo que cómpre aplicar cortas efectivas de rexeneración nos montes. “En varios mercados dáselle preferencia á madeira de carballo local sobre a que se pode mercar en poxas en Francia. Hai una carencia de madeira de calidade para destinos de transformación relevantes en Galicia que só pode solventarse aplicando silvicultura” -asegura-.