O sistema socioecolóxico da pesca da anchoa no Golfo de Biscaia non conseguiu recuperarse plenamente tras o peche da pesqueira entre 2005 e 2010, a pesar de que a poboación de anchoa si se rexenerou. Esta é a conclusión dun estudo interdisciplinar recentemente publicado na revista científica Canadian Journal of Fisheries and Aquatic Sciences, no que participou o investigador da USC e membro do CRETUS, Sebastián Villasante.
O estudo, titulado A systemic approach to analyzing post-collapse adaptations in the Bay of Biscay anchovy fishery, é o primeiro en abordar o impacto do peche da pesca da anchoa en España e Francia dende unha perspectiva interdisciplinar. A investigación revela que o sistema pesqueiro socioecolóxico perdeu importantes características socioeconómicas e non volveu ao seu estado previo ao colapso.
Mediante a combinación de datos pesqueiros e de mercado, os investigadores analizaron as adaptacións das principais compoñentes do sistema en Francia e España, incluíndo a pesca extractiva, a transformación e a comercialización. O estudo tamén foi seleccionado como o mellor do mes de agosto pola revista científica, e contou coa participación de Jennifer Beckensteiner (IFREMER), Anthony Charles (Saint Mary’s University), e varios investigadores de IFREMER.
IMPACTO NO SECTOR
Os resultados indican que as respostas ao colapso da pesqueira foron desiguais entre os diferentes actores. O tamaño medio do stock de anchoa diminúe, e o número de buques dedicados á súa captura reduciuse en todas as flotas. O impacto máis severo observouse nos arrastreiros peláxicos franceses, que perderon o 70% da súa flota. A flota vasca de cerqueiros tamén se reduciu nun 40% entre 2001 e 2009, mentres que en España a redución foi do 22%.
En Galicia, unha das principais rexións pesqueiras do Estado, os patróns de comportamento foron distintos. Segundo o profesor Villasante, algúns pescadores desprazáronse temporalmente ao sector da construción durante a crise, pero volveron á pesca cando o stock de anchoa se recuperou na década de 2010. Outros cambiaron de especie obxectivo, como a xarda ou o bonito, ou adaptaron as súas zonas de pesca.
PREZOS E EXPORTACIÓNS
Os prezos da anchoa experimentaron unha notable variabilidade durante a crise pesqueira. Entre 2000 e 2006, os prezos aumentaron máis do 300% debido á diminución da oferta, alcanzando máximos históricos de 11,3€/kg no País Vasco e 14€/kg en Francia durante 2006. Tras a crise, os prezos estabilizáronse, regresando aos niveis dos anos 2000 en Francia, pero continuando a baixar en España.
A investigación tamén destaca un aumento significativo nas importacións de anchoas en conserva, que alcanzaron as 10.000 toneladas en 2021. Segundo Villasante, este incremento débese a dous factores principais: as industrias españolas estableceron contratos a longo prazo con novas fontes de importación, e moitas pequenas plantas de procesado pecharon, mentres que as máis grandes deslocalizaron a súa produción a Marrocos, onde o custo da man de obra é considerablemente menor.
Os investigadores esperan que este estudo sirva de base para comprender mellor as respostas a longo prazo ante cambios socioecolóxicos na pesca, así como para identificar o papel da gobernanza na promoción de adaptacións que permitan manter sistemas pesqueiros sostibles fronte a posibles perturbacións futuras.