14 septiembre, 2024
Hoxe celebrouse a I Feira de ovo campeiro de Melide. Un evento que busca exemplificar e contribuír na visualización do resultado entre tradición, calidade e traballo sostible no sector agroalimentario.
Ao evento asistiu a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, acompañada da directora-xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez. Cunha traxectoria de tres décadas no sector, Ángeles Vázquez salientou a aposta desta sociedade avícola por un “produto de sempre” pero aproveitando a aplicación da tecnoloxía para ofrecer aos consumidores “a máxima calidade”.
Ademais, a conselleira tamén puxo en valor o compromiso medioambiental da firma de Ecocentro SC, promotora do evento e empresa galega referente na produción de ovos de galiñas en liberdade.
Por último e tras salientar o carácter solidario desta I Feira do ovo campeiro (cuxa recadación se destinará a entidades e comedores sociais), a conselleira rematou a súa intervención agradecendo a elección de Melide para criar “o mellor ovo campeiro fresco” e para acoller unha festa á que lle desexou grandes éxitos e moitas edicións no futuro.