20 septiembre, 2024
A Red Internacional Horrea de Graneros Elevados Tradicionales organiza do 27 ao 29 de setembro o Encontro Internacional sobre Graneros Elevados (hórreos) no Museo do Moble e da Madeira (MOME) da Estrada, coa colaboración do Concello da Estrada e o apoio da Xunta de Galicia.
Este congreso é o terceiro encontro internacional da Red, tras os celebrados en Arcos de Valdevez (Portugal) e Candás (Asturias), e o primeiro que se celebra en Galicia. O obxectivo da xuntanza é fomentar o debate e análise sobre a evolución e conservación dos hórreos, un elemento patrimonial de gran valor presente en varias rexións, como Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra, León e Portugal, así como noutros territorios como os Alpes, Suíza, Turquía, México ou Brasil.
Investigadores e especialistas locais e internacionais compartirán os seus coñecementos sobre o estado e o futuro dos hórreos, así como novas ideas e proxectos para a súa conservación. Estas sinerxías promoverán o desenvolvemento de iniciativas que garantirán a preservación e revalorización deste patrimonio cultural.
Carlos Henrique Fernández Coto, presidente da Red Internacional Horrea de Graneros Elevados Tradicionales, sinala que en Galicia e Asturias o hórreo é “un símbolo profundo da nosa identidade cultural e paisaxística”. Con todo, Fernández Coto alerta dun cambio de percepción: «O hórreo xa non se usa para almacenar gran, e ás veces vese máis como un estorbo que como un ben patrimonial». O presidente fai un chamamento a modificar esta visión, apostando por unha estratexia clara que permita seguir valorando este símbolo cultural.
En Asturias, os hórreos están a ser protexidos e transformados en vivendas ou aloxamentos turísticos que ofrecen experiencias auténticas. En Cantabria, a prioridade é a recuperación dos poucos exemplares que aínda se conservan, mentres que en Euskadi e Navarra os hórreos forman parte de rutas turísticas, xerando unha nova apreciación polo seu valor histórico. En Portugal, loítase por acadar un nivel de protección semellante ao de Galicia, onde o principal reto é de índole cultural. Fernández Coto advirte que a venda e traslado de hórreos ameaza con desposuír estas construcións da súa autenticidade, subliñando a necesidade de revalorizalos como elementos clave da identidade galega.
Fernández Coto tamén fai un chamamento á sensibilidade cara aos usos turísticos inadecuados que banalizan estas construcións. O presidente incide en que o hórreo debe considerarse máis que unha estrutura física: é un símbolo da soberanía alimentaria e da vida rural. Propón que, como en Asturias, se promova o orgullo de posuír un hórreo, enxergando nel un activo valioso, parte da herdanza cultural e familiar.
Neste senso, os hórreos xa acadaron en España a declaración de «Manifestación Representativa del Patrimonio Cultural Inmaterial». O próximo obxectivo é unha candidatura internacional para a declaración de Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade pola UNESCO. Este recoñecemento sería clave para protexer o seu valor patrimonial e destacar a súa relevancia como símbolo cultural compartido entre varios territorios.
RED INTERNACIONAL HORREA
A Red Internacional consolidouse en 2023 en Candás, Asturias, e desde entón traballa na protección dos hórreos a nivel global. En Portugal, avánzase na catalogación e protección dos hórreos, mentres que en Asturias estase identificando os hórreos que deben ser declarados BIC (Ben de Interese Cultural). En Cantabria, os esforzos céntranse na recuperación das poucas tipoloxías que aínda se conservan.
O enfoque futuro da Red é interdisciplinar e colaborativo, coa participación de universidades e organismos especializados en arquitectura popular de distintos países.
INSCRICIÓN
As persoas interesadas en asistir ao encontro, que conta cun aforo limitado de 70 prazas, poden inscribirse no correo electrónico redhorrea@gmail.com.