A asociación Ecoloxistas en Acción insta ás administracións públicas a tomar medidas para reducir a masificación turística en Galicia, co obxectivo de conter a turismofobia, e pide que esta non sexa tratada de maneira banal nin se omitan os prexuízos que a xeran.
Nun comunicado de prensa difundido pola organización, esta expresa que entende as manifestacións de turismofobia na comunidade como «unha impugnación popular ao actual modelo turístico e unha defensa do territorio e da súa xente», aínda que rexeita «calquera tipo de enfrentamento contra os turistas», segundo sinala Xaquín Pastoriza, coordinador do grupo Rías Baixas desta asociación ecoloxista.
Por este motivo, Ecoloxistas en Acción demanda establecer límites á ocupación turística en función da capacidade social e ambiental de cada zona, argumentando que os brotes continuos de turismofobia son resultado dunha industria turística depredadora que non respecta o territorio que explota.
A asociación considera que a masificación turística, sumada ás prácticas irrespectuosas do sector, está a xerar un aumento das expresións de turismofobia entre a poboación galega, que sofre os efectos negativos dun modelo turístico que danar o entorno natural e dificulta o desenvolvemento da vida cotiá.
Neste senso, denuncian que o exceso de ocupación turística satura as infraestruturas, deteriorando a calidade de vida da poboación local, sen que as administracións tomen medidas efectivas para remedialo. Por iso, consideran imprescindible unha planificación e regulación da presión demográfica, especialmente durante o verán.
Sinalan tamén desde Ecoloxistas en Acción que valoran positivamente que os medios de comunicación comezasen a reflexar as expresións de rexeitamento aos impactos negativos da sobreexplotación turística. Con todo, advirten do perigo de tratar a turismofobia de maneira superficial ou banal.