2 mayo, 2024
A Experiencia Bulevar Papagaio ofertará a un reducido número de participantes un roteiro polo que ata hai menos de dúas décadas era coñecido como o barrio do Papagaio e unha función do espectáculo Bulevar Papagaio, que terá lugar o venres día 3 de maio.
Este roteiro está deseñado ex profeso pola historiadora coruñesa Mavi Lezcano e será guiado pola mesma nun paseo que reconstruirá o espazo que foi fogar e lugar de traballo para a maioría das prostitutas da Coruña ata a súa degradación nos anos 90.
O público poderá asistir logo do percorrido á función do espectáculo Bulevar Papagaio na biblioteca da Casa Museo Casares Quiroga.
Nestes corenta e cinco minutos de percorrido, as persoas participantes terán os medios para introducirse no contexto do libro Papagaio e comprender mellor a evolución urbana desa parte da cidade. Segundo a propia historiadora, o obxectivo é “mover a reflexión sobre os xeitos nos que a sociedade e o urbanismo teñen evolucionado. Neste percorrido fálase de espazos xerais e lugares concretos, pero tamén moito de persoas.”
“A idea é que, en breve, poidamos acadas os medios para realizar unha versión audiovisual deste roteiro tan necesario para manter viva a memoria desta parte da cidade, de xeito que cando Bulevar Papagaio se presente noutos lugares diferentes da Coruña, o público asistente poida achegarse a el coas mesmas ferramentas que as espectadoras e espectadores da Coruña teñen a sorte de gozar en directo”, puntualizan desde A Feroz.
Bulevar Papagaio é un espectáculo teatral que bebe da poesía de Luísa Villalta e da imaxe de Maribel Longueira no seu libro Papagaio (Laiovento, 2006), no que ámbalas dúas artistas rexistraron o derrubamento do antigo barrio das prostiutas da Coruña para deixar lugar a un espazo comercial xentrificado e vivendas de luxo que ningunha das antigas moradoras das rúas Tabares ou Papagaio se poderían permitir.
O espectáculo d’A Feroz parte da reconstrución ficcionada dese encontro afortunado ente a fotógrafa e a poeta e levanta sobre iso unha peza chea de humor, retranca e imaxes poéticas que procuran unha comprensión colectiva máis fonda sobre o todo o que arrodea a dous temas tan complexos como o traballo sexual e a especulación inmobiliaria.
Pola outro lado, a compañía insiste na intención de que este proxecto (que veñen producindo desde primeiros de ano) non ten caducidade “senón que nace con vocación de permanecer moito tempo no repertorio da compañía escapando ao cerco dos espectáculos destinados exclusivamente ao Día das Letras Galegas”.